O Polígono de Vite de Santiago protagonizará unha dramaturxia de rúa do Grupo Chévere

A acción teatral forma parte dun proxecto do Centro Dramático Nacional en colaboración co CDG e a compañía

A acción teatral forma parte dun proxecto do Centro Dramático Nacional en colaboración co CDG e a compañía
Construción do polígono de Vite
O Centro Dramático Galego e o Grupo Chévere colaboran co Dentro Dramático Nacional para traer á capital galega unha das accións dramáticas do proxecto Dramawalker enfocada no barrio de Vite da cidade. A partir de relatos e recordos contados pola veciñanza crearase unha ficción sonora xeolocalizada que percorrerá as rúas contando a intrahistoria deste entorno desenvolvido nos anos 60 e 70 en Santiago. O Salón Teatro, sede do CDG, será o punto de partida desta ruta, que índa non ten data. O Dramawalker dedicado a Vite forma parte deste proxecto do CDN que saca o teatro das salas tomando como punto de orixe a herdanza da radio teatro e o teatro comunitario participativo. Como Vite, o proxecto do CDN tamén se realizará no barrio de Lavapiés, en Madrid, e Poblenou en Barcelona. Dramawalker pretende construír unha intrahistoria creada polos propios veciños, potenciando o seu vinculo emotivo e identitario e achegando ao resto da cidadanía a un novo mapa de vivencias por descubrir.

O barrio de Vite, tamén coñecido coma Polígono de Vite, comezou a levantarse a primeiros dos anos 60 na parte norte de Santiago, na zona de San Caetano, a ambos lados da estrada da Coruña con vivendas sindicais. O seu comezo no "desarrollismo" da Ditadura modelou a súa forma arquitectónica e como moitos barrios obreiros tivo que pasar nos anos 80 por episodios de marxinación e de convivencia co impacto das drogas. Hoxe integra comunidades diversas, e acolle un orgulloso tecido social e comunitario, así como infraestruturas culturais e universitarias. A compañía Chévere leva tempo engadindo aos seus proxectos de escenario varios traballos relacionados coas dramatizacións xeolocalizadas e coa recollida damemoria popular dos sitios, como xa fixo recentemente en Dumbría, Fisterra e Carnota.Neste caso o proxecto contempla inicialmente a realización do roteiro.