Malpica ofrecerá doce espectáculos galegos na súa XVIª Mostra de Teatro

O ciclo desenvolverase entre este venres e o 11 de decembro e require reserva previa para asistir ás representacións

O espectáculo Bernarda , de Malasombra Producións sobre un texto orixinal de Jose Prieto,que recolle o punto de partida de La casa de Bernarda Alba, escrita por Lorca será o encargado de abrir mañá venres a XVIª Mostra de Teatro de Malpica que ofrecerá ata 12 espectáculos na localidade da Costa da Morte. As restricións de capacidade dos espazos fai necesaria a planificación persoal e a reserva previa das localidades a través do departamento de Cultura do concello. O programa levará estas doce propostas teatrais de compañías galegas entre este venres e o 11 de decembro, previsiblemente. Polo seu Ciclo de Sala no Centro Cívico da vila pasarán, ademais de Malasombra, a compañía Excéntricas coa súa revisión de Shakespeare en Medida X Medida, dirixida por Quico Cadaval; Talía teatro porá en escana Lambetadas ; Tabú, de Tarabela Creativa; Teatro da Rambioa con O meu mundo non é deste reino; a obra A compañeira de piso de Contraproducións e o espectáculo Carabela de Galeatro. O Ciclo Ruada, dedicado directamente a espectáculos infantís levará catro funcións por outros tantos espazos, incluíndo o Mercado da Abastos da localidade onde se levará a cabo unha sesión de contos. As compañías Elefante Elegante, Xarope Tulú e Galeatro levarán os seus espectáculos a Malpica entre o 15 de novembro e o 6 de decembro. Este ambicioso programa teatral galego en Malpica pecharase o 11 de decembro coa actuación de Carlos Blanco no seu espectáculo Quien dixo medo.