Publicacións e actividades conmemoran o Día de Lorca en Galicia

Xornadas en Pontevedra, roteiros, unha estatua e novos libros lembran o vencello co país do poeta granadino

A celebración do Día de Lorca en Galicia, este 25 de outubro, dá continuidade con diversas iniciativas á efeméride que botou a andar en 2018. En Pontevedra é o Museo Provincial o que centra as actividades, que comezaron xa este día 22 cunha mesa redonda sobre o autor e a súa vinculación co noso país. Ademais este sábado 24 desenvolverase unha ruta temática pola cidade arredor do poeta e da revista Cristal, e a editorial Polo Correo do Vento está a desenvolver unha serie de contacontos ilustrados coa mesma temática polos centros de ensino locais ao longo desta semana.


En Compostela, o Concello inaugurará este 25 de outubro unha estatua do poeta realizada por Álvaro de la Vega. O monumento, situado nunha das escaleiras da alameda, retrata a Lorca ataviado co mono de traballo de La Barraca. A seguir coa recuperación da memoria do poeta na capital galega, Alvarellos Editora acaba de pór nas librarías Federico García Lorca en Santiago de Compostela. Escrito por Henrique Alvarellos, o volume repasa a relación do autor coa cidade a través das tres visitas que realizou á mesma, a achegar testemuños, ilustracións e documentos, algúns deles moi descoñecidos, sobre esas estadías. Ademais, a obra propón un roteiro lorquiano por Compostela a través de catorce lugares. Precisamente a última edición da Semana do Libro de Compostela, recentemente rematada, permitiu realizar este itinerario ao vivo como parte do seu programa.

A editorial Galaxia, pola súa banda, presentaba este mesmo ves a versión en galego de Poeta en Nova York. Suso Díaz encargouse da tradución deste clásico das letras españolas no ano no que se celebran oitenta anos da súa publicación.