'Fariña' volve a Galicia con estadías de varios días na Coruña e Pontevedra antes de retornar a Madrid

Estará seis días no Teatro Colón e pechará o ciclo Ponteatro con oito representacións en catro días

Estará seis días no Teatro Colón e pechará o ciclo Ponteatro con oito representacións en catro días
Fariña Foto: MIT Ribadavia / Rosiña Rojo
Esta semana comezará en Pontevedra o ciclo Ponteatro que levará a cidade 5 espectáculos da escena galega ata o 13 de decembro. O ciclo rematará no Pazo da Cultura con catro días seguidos mantendo en cartel a mesma obra, Fariña, de Ainé Producións Teatrais, protagonizada por Xosé A. Touriñán, Marcos Pereiro, María Vázquez, Sergio Zearreta, Cris Iglesias e Víctor Duplá. Entre o 10 e o 13 de decembro a montaxe teatral dirixida por Tito Asorey e baseada na obra homónima de Nacho Carretero fará dous pases diarios supoñendo ata oito representacións na cidade do Lérez. Antes diso o Teatro Colón da Coruña acollerá durante seis días -do 17 ao 22 de novembro- representacións continuadas do espectáculo sobre o narcotráfico en Galicia. Fariña volverá así durante un tempo aos escenarios galegos tras do seu paso recente por Madrid onde ao longo de case un mes acudiron máis de 6000 espectadores a vela. Tras das representacións no Ponteatro a obra volverá a Madrid onde se poresentará entre o 17 de decembro e o 31 de xaneiro no Teatro Cofidís Alcázar con funcións de mércores a domingo.

A obra de Talía Teatro Vida de cans dará comezo ao ciclo Ponteatro este xoves 22 de outubro no Teatro Principal. Agás para Fariña, a falta de concretar as condicións de capacidade do Pazo da Cultura, as entradas para o resto dos espectáculos que se levarán a cabo no Teatro Principal xa están a venda en Ataquilla cun máximo inicial de asistentes de 60 persoas por función. Ademais de Vida de Cans o público tamén terá a oportunidade de asistir en xoves salteados ás obras Falar por Falar de Volta e dalle; Camiños de ButacaZero e O meu mundo non é deste reino de Teatro da Ramboia.