Curtocircuíto 2020 deixa un palmarés internacional moi enfocado nas linguaxes de vangarda

Enar de Dios recibe o premio CREA a mellor dirección galega e o Planeta GZ por 'Vestiges (an archipielago)'

Enar de Dios recibe o premio CREA a mellor dirección galega e o Planeta GZ por 'Vestiges (an archipielago)'
Fotograma de 'Sun dog'
A 17ª edición de Curtocircuíto – Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela rematou este domingo deixando tras de si un intenso programa de máis de 80 películas proxectadas, cunha parte en liña a través da plataforma Filmin contribuíndo a manter nestes momentos o certame como punto de encontro da comunidade audiovisual internacional. Para o peche déronse a coñecer as decisións dos distintos xurados desta edición de Curtocircuíto e o palmarés de recoñecementos que manteñen a aposta pola contemporaneidade, o risco e a exploración formal que son premisa deste certame. O labirinto narrativo e poético da película Vestiges (an archipielago), de Enar de Dios (Ourense, 1986) foi merecedor do Premio Planeta GZ á mellor película de produción galega, ademais a súa directora acadou o Premio CREA a mellor dirección galega. O xurado de Planeta GZ viu nela "unha película reveladora, que nos fala sobre as consecuencias da desintegración e a transformación do territorio a mans do ser humano", e consideraron que a súa autora "logra un persuasivo equilibrio entre a palabra e as imaxes logrando axitar e interpelar ao espectador de maneira contundente".

A película Sun dog do belga Dorian Jespers foi a vencedora na Sección Radar. O filme foi elixido polo xurado "porque en tempos de escuridade, este filme amósanos unha luz apocalíptica que, entre o soño e o pesadelo, ofrécenos a esperanza do fin do inverno". O xurado desta sección destinou unha mención especial a Dustin, de Naïla Guiguet, que tamén recibiu o Premio do Público, patrocinado por GADIS. A cinta francesa presentou a ollos do xurado unha "autenticidade conmovedora". La sangre es blanca, de Óscar Vicentelli foi a cinta gañadora do Premio Penínsulas coa súa disección dunha corrida de touros, separada do seu folclore e convertida en danza macabra e ritual da morte. O xurado tivo en consideración o risco formal do autor "sorprendente e inédito, á hora de abordar un motivo con certa traxectoria audiovisual, a tauromaquia, desde unha perspectiva innovadora e que convida á reflexión, creando certa distancia grazas á súa proposta visual". Tamén nesa sección houbo mención especial para Los Páramos, de Jaime Puertas. O premio da Sección oficial Explora, aquela centrada na procura de sendas innovadoras na linguaxe audiovisual, próximas á videoarte, o documental ou o cinema de vangarda, premiou á obra británica Look Then Below, de Ben Rivers. Un filme que evoca os seres futuristas dunha arrepiante paisaxe cargada de fume e as profundidades da Terra.

Palmarés galego
A curtametraxe Blanco y fucsia, parte audiovisual dunha exposición de Marta Valverde (Nigrán, 1994) recibiu unha mención especial do xurado na sección Planeta GZ "por realizar un exercicio fresco e atrevido de auto retrato cunha fráxil e valente proposta formal que consegue captar as contradicións entre os soños e a realidade". O premio de guión, da Asociación Galega de Guionistas AGAG, recaeu en Rafa de los Arcos polo seu traballo en Todo el mundo se parece de lejos, do que o xurado especializado sinalou a súa capacidade "de contar sentimentos complexos de maneira sutil e ofrecer un retrato realista e sen artificios dunha ruptura amorosa". Os guionistas tamén quixeron destacar cunha mención especial a Dani Cornes polo texto de Onde dormen as gaivotas, por "reflectir a través da ciencia fición unha inquedanza universal e contemporanea". A parte galega do palmarés a completa o Premio Outra Compostela, patrocinado por Turismo de Santiago e a Santiago de Compostela Film Commission que foi para De sangue e cristais, de Lucía Ramiro, Bruno Arias, Miguel González, Beatriz Fernández e Miguel García. Dela o xurado destacou a "boa concepción do lisérxico contra o stablishment; da liberdade contra a autoridade e por saber plasmar a imaxe como rexistro doutra posible realidade".

Pola súa banda o Xurado Novo decidiuse pola obra Pyrale, de Roxanne Gaucherand, argumentando a súa decisión en que a película consegue "retratar de maneira sensible dúas naturezas aparentemente opostas como son a documental e a ficción, e un desastre ecolóxico co descubrimento dun primeiro amor nunha fusión de violencia e beleza". O xurado novo tamén tivo unha mención especial para a película gañadora da sección oficial Radar, Sun dog,


Ligazóns