Ozono Multimedia e o Concello de Narón inventan un videoxogo para ensinarlles aos rapaces a reciclaren o lixo

Misión en Narón

Lixeiriño é un superheroe e como tal terá que ir limpando o lixo das rúas. Pero é pouco convencional e o lixo para Lixeiriño non son os delincuentes chegados do espacio exterior senón a polución, os papeis no chan e o lixo mesturado. Ensinar a separar os desperdicios en Narón é a súa primeira misión, que é onde os seus creadores, a empresa Ozono Multimedia e o Concello, pretenden impulsar a recollida selectiva entre os máis pequenos.

Non é a última presentación agardada polos adictos das videoconsolas, nin tan sequera sairá á venda en ningunha tenda. Lixeiriño é diferente, é un videoxogo que o Concello de Narón e a empresa compostelá Ozono Multimedia idearon para ensinarlles aos máis pequenos como se recolle o lixo e como se coida o contorno. Converteuse así nun xogo de temática ambiental que se desenvolve en Galicia con fins educativos feito por un equipo completamente galego.



¿Por que un xogo?

Como se trata dun proxecto de divulgación para nenos, Ozono Multimedia decidiu achegarse aos rapaces na súa propia linguaxe: a través dun xogo. “O concello de Narón necesitaba unha producción á parte das normais que xa tiñan, que eran os vídeos e os trípticos, para repartir entre os rapaces, e nós pensamos en facer algo diferente, algo ao que os rapaces estivesen afeitos”. Deste xeito Rubén da Silva, director de proxectos de Ozono Multimedia describe a orixe do videoxogo. Unha vez definido o formato comezaron a idear un proxecto dunha personaxe ao estilo Mario Bros, que fose superando pantallas, baseado no clásico formato de plataformas e na estética da banda deseñada, e dirixido a nenos de 6 a 12 anos.



“Lixeiriño, subscribe Rubén, foi pensado para que os cativos tivesen unha idea do que é a reciclaxe e que lles quedase moi clariño. E fixemos catro niveis; un por cada residuo”. O primeiro nivel ensina o procedemento da reciclaxe para plásticos e latas; o segundo para papel e cartón, o terceiro para residuos orgánicos e o último para os vidros, co que completa a finalidade pedagóxica do xogo.



Un xogo con identidade

Pero Lixeiriño non é só diferente polo compoñente educativo do videoxogo, senón porque, para que os rapaces se sentisen máis próximos ao proxecto, as pantallas reproducen espacios que coñecen. O muíño do río Xubia ou o edificio do Concello son algúns dos espacios que se recrean nas pantallas nas que o protagonista irá buscando lixo para que ocupe o espacio que lle corresponde.



A tiraxe inicial do videoxogo foi de 1000 copias, aínda que o Concello encargou 500 máis, que se distribuirán de balde nos colexios e centros de ensino a partir do vindeiro curso.



Aínda que está promovido polo Concello de Narón que asumiu o custe do proxecto, que ronda os 9000 euros, conta co patrocinio das empresas Tecmed e Ecoembes, así como de Sogama e da Consellería de Medio Ambiente.




Educar a través de videoxogos

Lixeiriño cóntase entre os primeiro videoxogos educativos con temática ambiental que se desenvolve en Galicia con fins educativos, pero non é o primeiro videoxogo educativo. O Concello de Santiago convocou hai un par de anos un concurso na busca de iniciativas para normalizar o noso idioma. Os gañadores daquel concurso foron os membros da tamén compostelá empresa Imaxin Software con “O misterio das sete pezas” no que a súa protagonista, Ana Branco, anda á pescuda por un Santiago ao que lle faltan sete pezas. A mesma empresa trala boa acollida de “O misterio” lanzou, en xaneiro de 2003, “Maju contra os robots destructores” feito para a Deputación de Guipúscoa, nun proxecto que mesturaban o xogo de computadora co de taboleiro para promover o ensino da lingua vasca.



Pola súa parte, era a primeira vez que Ozono se metía no mundo dos videoxogos, pero na historia desta empresa compostelá xa había outros precedentes de traballos de tipo lúdico. Era o caso de “O labirinto dos soños”. Un proxecto de animación en tres dimensións realizado en Galicia e que está a amosar as posibilidades creativas que existen no noso país e o aproveitamento que se fai das novas tecnoloxías.