O Fetega do Carballiño resiste fronte á Covid-19

O XXXI Festival de Teatro Galego-Celso Parada desenvolverase entre o 23 e o 26 de setembro

O Carballiño non cede á presión da pandemia e este 21 de setembro presentou o programa da XXXI xeira do Festival de Teatro Galego-Celso Parada (Fetega). O evento desenvolverase entre os días 23 e 26 con Clausura de amor, de Cámara Negra Teatro, Os nenos da varíola de Pérez & Fernández, O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro e A que non podes dicir Coca-cola? de Avelina Pérez. A estas súmanse as propostas Technologies, de Pedro Brandariz, Sexo débil...o carallo! de Arantxa Treus, Sempre o pensaches pero nunca o dixeches de Diana Sieira e mais o proxecto Literarias.

Ademais, no marco das actividades paralelas, o evento homenaxea a Carballo Calero cunha leitura dramatizada da súa obra A farsa das zocas a cargo de 50 persoas de Centros de Estudos Galegos de distintos países. A exposición Outra pel, outro rostro, obradoiros, conferencias e outras propostas fan tamén parte da iniciativa. Como novidades, esta edición estrea unha Escola do Espectador de Teatro Galego, coordinada por Pepe Domínguez Bueno e que se desenvolverá en liña, así como animación da rúa, con Carlos Ledo a se estrear no papel de director do evento.