O Salón Teatro de Santiago celebra o seu centenario cun ciclo de concertos

Polos 'Mércores de varanda' que comezan hoxe pasarán artistas do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021

Balcón do Salón Teatro                                       Foto: CDG
Balcón do Salón Teatro Foto: CDG
O Salón Teatro de Santiago, sede do Centro Dramático Galego (CDG) da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) desde 1999, celebra o centenario da súa inauguración en 1920 retomando hoxe mesmo a actividade pública co inicio do programa musical Mércores de varanda,que ofrecerá oito concertos de artistas e grupos galegos. O gaiteiro Anxo Lorenzo será o encargado de abrir hoxe este cartel, que se desenvolverá todos os mércores ata finais de outubro e polo que pasarán en total seis grupos e artistas do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 (Anxo lorenzo, Claudia Abril, Emilio Rúa, Xoán Curiel, Susana Seivane, SÉS, Dequenvessendo) e dous convidados do ‘coworking’ de emprendemento musical organizado pola Fundación Paideia e a EOI Padrón (Hugo Franco e Sofía Espiñeira).. Estes Mércores de varanda darán comezo cunha pequena actuación de cada un dos artistas desde o balcón do Salón Teatro para continuar a actuación no escenario. A entrada é gratuíta, previa retirada no despacho de billetes desde dúas horas antes do comezo de cada actuación e ata completar a capacidade dispoñible de 60 persoas máximo que neste momento a Xunta de Galicia permite.

Historia do edificio
A efeméride contribúe tamén á recuperar a historia do edificio. Reconstruído pola Liga da Mutua de Señoras de Santiago en 1919, foi inaugurado o 30 de outubro de 1920 como sala de eventos e espectáculos para os seus socios. En 1949 a fachada do edificio foi remodelada atendendo aos criterios do arquitecto Pons Sorolla. Estes cambios permanecerían case inalterados durante o tempo e con diferentes usos, entre os que foi tamén sala de cinema. Despois de dúas décadas sen representacións en 1996 o Salón Teatro foi adquirido pola Xunta de Galicia. Xa entre 1998 e 1999, o Estudio de Arquitectura Baltar, Bartolomé e Almuiña asumiu unha completa intervención que dotou o inmoble do aspecto co que hoxe o coñecemos. Foi en outubro de 1999 cando o Salón Teatro abriu de novo as súas portas para a estrea de Se o vello Sinbad volvese ás illas..., de Álvaro Cunqueiro, polo Centro Dramático Galego. Desde entón e como sede da compañía institucional, acolle a exhibición en Santiago de todas as súas producións propias, ademais dunha carteleira aberta ás diferentes disciplinas escénicas, entre outras actividades.