Organizan unha petición colectiva de medidas na defensa do tecido cultural vigués

Está aberto a sinaturas un documento coa solicitude de dez accións para enviar ao Concello de Vigo

A través das ferramentas dunha comunidade virtual na rede social Facebook está a armarse unha petición colectiva ao Concello de Vigo na defensa do tecido cultural comunitario local. Un documento aberto a sinaturas ata o vindeiro día 15 de setembro contén unha solicitude formal á Concellería de Cultura, Emprego e Participación Cidadá e a Alcaldía de Vigo para afrontar a través de dez medidas a afectación á actividade cultural e creativa na cidade causada pola súa precariedade habitual acentuada polas circunstancias actuais. Estas propostas de "medidas urxentes para a protección das persoas implicadas na vida cultural e a cultura como dereito e ben esencial obxecto das competencias e obrigas de garantía da administración local" xa foran enviadas previamente ao Concello o pasado 3 de maio pola vía do correo electrónico e agora "ante a falta de resposta e de iniciativa pública" a comunidade impulsora busca reforzalas a través deste proceso aberto de sinaturas e presentalas de xeito formal ao consistorio vigués. Este proceso colectivo de acción civil de defensa da cultura local anima tamén outras inciativas cidadás coma a previa realización dun censo cultural na mesma área de Vigo ou a creación na cidade da Coruña da plataforma Vai Coruña pola cultura da cidade herculina.

Arestora xa forman parta da lista de asinantes un gran número de persoas entre cuxo nomes poden verse os de coñecidos artistas da danza, artes plásticas, literatura ou músicos. Así poden verse os nomes de Miguel Porto, María Lado, Oriana Méndez, Óscar Avendaño, os irmáns Martínez Buceta, Berio Molina ou Andrea Costa, entre outros. Como medida previa a calquera outra, no documento propoñen a creación dunha “mesa da cultura” que tratase de facer partícipes aos diferentes ámbitos que conforman a comunidade cultural, que podería atender ao estudio e análise tanto das medidas urxentes e inaprazables de axuda, protección e contención de danos no ámbito cultural así como un plan estratéxico para a acción pública cultural na cidade. Noutro dos puntos solicitan os asinantes a posta en marcha dun programa de adquisición de obras visuais, sonoras, videográficas, audiovisuais, de artes vivas e literarias para a provisión de fondos, coleccións, espazos e bibliotecas de titularidade municipal.

Inacción do consistorio
O documento ademais sinala a inacción que, segundo eles, está a ter o goberno local en relación á situación da cultura indicando que "salvo a apertura dun prazo de 5 dias para a presentación de ofertas ou propostas artísticas de espectáculos (concertos) no procedemento de licitación contractual aberto no Perfil do Contratante e Portal de Transparencia, o pasado dia 9 de xullo, ningunha medida dirixida á protección de comunidade cultural foi aprobada polo Concello de Vigo; nin unha soa axuda en réxime de convocatoria aberta foi considerada por vostedes, nin ningunha avaliación cuantitativa nin cualitativa sobre o alcance desta situación no ámbito cultural nin plan de actuación específico foi aceptado, requirido nin publicado, de forma aberta polo Concello", conclúen.