Morre o historiador José Antonio Durán

O escritor, editor e documentalista faleceu aos 79 anos

| Santiago. Redacción | Seccións: HistoriaAudiovisualSociedadeNecrolóxicas
Compartir:

Co falecemento o pasado sábado, 29 de agosto de José Antonio Durán en Madrid, a cultura galega perdeu un valioso divulgador e investigador da súa Historia. Durán , nado en Requejo de Sanabria (Zamora) en 1941, de ascendencia rianxeira por parte de nai, creceu en Pontevedra onde desenvolveu a súa actividade cultural de múltiples xeitos como escritor e investigador, conferenciante, bibliófilo, comisario de grandes exposicións, editor e documentalista. Ao seu Taller de de Ediciones, con sede na vila, débense moitas achegas investigadoras tanto en formato de libro coma audiovisual sobre senlleiras figuras da nosa cultura case todas vencelladas aos movementos políticos, sociais e culturais de finais do século XIX e principios do XX, coma Castelao, Eladio Rodríguez, Alfredo Vicenti, Fernández-Osorio Tafall, Santiago Casares Quiroga, Portela Valladares, Manuel Murguía, Cesáreo González, ou Manuel Antonio e outros. A investigación sobre Castelao foi unha das liñas que Durán traballou publicando xa en 1972 o libro El primer Castelao: biografía y antología rotas ( Editorial Siglo XXI) ao que seguiron numeroso traballos xa escritos, xa audiovisuais. A súa serie documental sobre figuras clave da Historia, Historias con data, de máis de cincuenta entregas, foi emitida a través da Televisión de Galicia e da Canle Internacional de TVE. A súa atención sobre a historia social e o enfoque sociolóxico levouno a ser un destacado investigador tanto sobre o liberalismo coma sobre o movemento agrario galego sobre os que ten escrito e publicado numerosa obra que xa é de referencia.

Que che parece esta nova?
51 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Documental, Castelao, Antonio Durán, Manuel Antonio...