Lugo reivindicase capital do jazz coa maior 'jam session' da historia

O evento de homenaxe a Charlie Parker reunirá a 150 artistas con máis catro horas de jazz en directo

A veterana Asociación de Amigos do Jazz EscobiJazz de Lugo prepara para este vindeiro domingo 30 de agosto unha enorme festa do jazz, coa participación de máis de 150 artistas galegos nunha 'jam session' propia deste xénero homenaxeando ao grande artista, Charlie Parker . (Kansas City, 29 de agosto de 1920 - Nova York, 12 de marzo de 1955), no seu centenario. Máis de 4 horas de jazz en directo, interpretado por artistas galegos -150 dos preto de 225 censados como tales-, que pasarán a formar parte da historia musical ao transformarse na maior jam session celebrada en España. Así conciben desde a asociación este evento, que serve ao tempo para reivindicar os 30 anos de historia do festival de jazz máis lonxevo de Galicia, e a calidade dos nosos intérpretes. Dende as 13 horas e até ben entrada a tarde (17:00) nas escalinatas do Pazo Episcopal de Lugo, máis de 150 artistas irán subindo a un escenario que contará con todas as medidas de seguridade e salubridade necesarias, ao igual que o espazo reservado para o público. Pero a organización ten claro que, nestes tempos, é imprescindible apostar polo dixital, polo que o concerto poderá seguirse integramente online a través das redes sociais do festival de jazz de Lugo. O proxecto, que nace como a maior jam session da historia en España, tanto por número de intérpretes como por horas de desenvolvemento, conta co financiamento e apoio da Xunta de Galicia a través do Xacobeo21.