Alberto Varela imaxina en 'Wolfram' unha trama de espías na Galicia de 1939

O autor presenta esta nova banda deseñada de aventuras que emparenta cos grandes clásicos da liña clara

Alberto Varela (Carballo, 1963) ven de editar con Edicións Xerais Wolfram. Espías, nazis e maquis, unha banda deseñada coa que presenta unha trama de espionaxe ambientada en Galicia entre a fin da Guerra Civil e o comezo da Iiª Guerra Mundial. Varela asina o traballo de ilustración e guión nesta nova obra coa que volve a facer xénero histórico -anteriormente publicara 1809. A rebelión Neria , 2010 e Ulf de Jakobsland, Xerais 2018- esta vez entrando nunha época máis contemporánea e creando unha trama de espionaxe que inclúe figuras reais da nosa historia, coma Castelao, con nazis, espías estranxeiros e maquis arredor do feito real da explotación e exportación do mineral estratéxico Wolfram para o armamento do exército alemán en 1939. O volume está editado en cor e ten 88 páxinas nas que Varela tira do seu estilo de “liña clara” para recrear as iconográficas arquitecturas, vehículos e vestiarios dos anos 40 dentro desta aventura que emparenta esta obra do autor galego cos grandes representantes da liña clara de aventuras que teñen como referencia aos belgas Hergé (Tintín) e Edgar P. Jacobs (Blake & Mortimer) e posteriormente ao italiano Vittorio Giardino (as aventuras de Max Fridman). O volume xa está a venda e o autor asinará exemplares o vindeiro 8 de agosto durante a Feira do Libro da Coruña ás 21:00 horas.