O acto de presentación do Ourenrrock Sound XS tivo lugar no castelo de Ribadavia e contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Ribadavia, César Fernández; o director do festival, Rubén Álvarez; e o presidente de Cruz Vermella Ourense, Felipe Ferreiro.
Pola contra outros eventos do mesmo tipo veñen de anunciar a imposibilidade de celebrarse este verán. Así esta mesma mañá o Felicia Pop festival, de Limobre (Fene), previsto para os días 7 e 8 de agosto, anunciaba a súa cancelación, malia que levaba desde fai semanas engadindo nomes, moitos deles de bandas galegas, ao seu cartel con vontade de sacar adiante unha edición, algo limitada, do pequeno festival independente. A directiva explica nunha nota publicada nas redes sociais que a primeiros de xuño aínda vían posible que un festival pequeno, coma o seu, podería saír adiante, "pero a situación desde entón non fixo máis que empeorar ata situarse en cifras similares ao preconfinamento", afirman. Tomaron así a decisión de suspender tras avaliar todos os condicionantes, coma son "o aumento continuado de casos en Galicia, riscos para a comunidade e colaboradores, cancelación de grupos, etc. E posto que a situación non ten visos de mellora nos días que restan ata o festival".
Tamén e o caso do Festival de La Luz, de Boimorto, que por medio dun comunicado anunciaba aínda esta semana o seu aprazamento ao 2021. "Despois de estes meses de incerteza e agora que comezamos a adaptarnos a esta nova normalidade facíanos especialmente ilusión celebrar o Festival de la Luz. Sen embargo, a falta de dos meses da celebración, vemos inviable a súa realización pola evolución da COVID-19", conclúe a organización, que ademais xa sinala os días 10, 11 e 12 de setembro do ano que ven para a realización do evento. O festival este ano non chegou a presentar cartel artístico.


