Santiago acolleu a celebración do IX Congreso Estatal de Salas Alternativas

Sen rede

Se hai algo que une á Sala Nasa, á Sala Yago e ao Teatro Galán é a súa condición de alternativas e a súa continua demanda de financiamento para poder levar a cabo proxectos poucos comerciais e arriscados. Pero non están sós; os seus problemas, as súas inquedanzas e as súas propostas de futuro son compartidas por todos os que forman a Rede Estatal de Salas Alternativas e foron debatidas no IX congreso que acaba de rematar en Compostela.

Orde do día: anuncio da suspensión do circuíto 2003, debater a necesidade de afianzarse como plataforma de exhibición das artes escénicas do panorama actual, continuar consolidándose como circuíto para o intercambio cultural e sobre todo, recoller a demanda das compañías nacentes con novas posibilidades creativas.



Con este menú responsables de trinta salas e as Coordinadoras madrileñas e catalana de Salas Alternativas e ATEA (Asociación de Teatros Alternativos de Galicia) chegaron o xoves a Compostela para sentar propostas concretas e alternativas á situación de asfixia económica que comparten todas elas. Chegaron a un Compostela que celebraba o seu En pé de Pedra, no que algunhas das compañías residentes das salas alternativas que participaban no congreso ofrecían as súas actuacións.



O primeiro avance que a Rede facilitou sobre o Congreso foi desde a súa propia páxina web onde anunciaba a suspensión do Circuíto 2003, debido ao “insuficiente apoio do Ministerio de Cultura” (as axudas públicas reducíronse un 50% con respecto ao ano anterior). Un circuíto que nacera para impulsar o Teatro Alternativo e que supón un duro revés para a Rede de Teatros Alternativos. Precisamente, no anterior congreso do 2002 celebrado en Sitges, rematara co compromiso de que o 2003 serviría para reforzar o proxecto da Rede, que tiña como finalidade, segundo figura no seu web, “combater o illamento, loitar por xuntar o esforzo de moitos dos creadores, actores, directores, técnicos e escenógrafos e demais xente implicada en dar sentido a facer teatro hoxe e aquí”. A refundación da Coordinadora Estatal de Salas Alternativas e Rede de Teatros Alternativos non puido ter peor inicio.




E no IX Congreso o anuncio da eliminación do circuito fíxose, xa non só público, senón que se convertiu nun dos puntos de reflexión. E así, "como un acto de xustiza e dignidade” ante a rebaixa das subvencións a xunta directiva da Rede de Teatros Alternativos decidiu rexeitar a axuda concedida deste exercicio que as salas e compañías implicadas interpretan como un xesto de “desconsideración” por parte da Secretaría de Estado de Cultura. Na rolda de prensa convocada logo da celebración do Congreso, para facer públicas as súas conclusións, leron unha carta diricida ao Secretario de Estado de Culutra, Luís Alberto de Cuenca na que expuxeron o seu descontento ao minar un circuíto único no que o ano pasado participaran 75 compañías con 95 espectáculos e cunha resposta “impresionante de público”.




E subscribiron esa carta os directivos das Salas Alternativas presentes na xuntanza. E que son os seguintes: “La Imperdible” (Sevilla), “Sala Cero” (Sevilla), “Endanza” (Sevilla), “Espacio Aftasí” (Badajoz), “Arbolé” (Zaragoza), “Teatro de La Estación” (Zaragoza), “Teatre Sans” (Palma de Mallorca), “Artenbrut” (Barcelona), “Sala Beckett” (Barcelona), “Teatre Tantarantana” (Barcelona), “Muntaner” (Barcelona), “Joan Brossa” (Barcelona), “Versus” (Barcelona), “Teatre Ponent” (Granollers), “Teatro Galán” (Santiago de Compostela), “Sala Nasa” (Santiago de Compostela), “Sala Yago” (Santiago de Compostela), “La Nave de Cambaleo” (Aranjuez), “Ático” (Getafe), “Gurdulú” (Leganés), “El Canto de la Cabra” (Madrid), “Cuarta Pared” (Madrid), “Lagrada” (Madrid), “El Montacargas” (Madrid), “Ensayo 100” (Madrid), “Pradillo” (Madrid), “E.N.T.” (Pamplona), “La Fundición” (Bilbao), Coordinadora madrileña de Salas Alternativas, Coordinadora de Sales Alternatives de Barcelona e ATEA (Asociación de Teatros Alternativos de Galicia).




A representación galega


Sala Nasa,Teatro Galán e, a acabada de incorporar, Sala Yago foron os tres representantes galegos no IX Congreso Estatal de Salas Alternativas. Aínda que as relacións non andan moi fluídas entre as Nasa e Galán coa Sala Yago, á que lle reprocharon hai pouco tempo o carácter comercial da súa programación, as tres sufren en carne propia algunhas das doenzas derivadas do recorte de axudas púbicas coas que se nutrían anualmente.



De feito, hai poucos días saían á luz pública que a Sala Nasa e a Galán, dúas das tres salas de teatro estables que existen en Galicia anunciaron que concorrerían a convocatorias de axudas do IGAEM (feitas públicas o 4 de xuño). Unhas axudas que estas dúas salas (con maior traxectoria e historia no teatro alternativos) fomentaron e presionaron para que existisen, segundo confirmou Ana Vallés a este medio, e que este ano mudaron substancialmente as súas bases e os baremos de tal xeito que ambos espacios poidan acadar axudas económicas que son imprescindibles para seguir mantendo a súa actividade.



Polo demais, os teatros galegos tamén quixeron ser parte activa das reivindicacións feitas pola Rede e solicitaron ao Ministerio de Cultura que, ademais das axudas a iniciativas concretas, conceda tamén subvencións que permitan o mantenemento da programación anual das salas nos institucionais.