
A presidenta da Asociación Cultural Arelas, Keka Losada, explicou que "foi un gran esforzo chegar ata aquí. Queremos facer un certame moi especial, con prudencia e responsabilidade, con moi poucas entradas esta vez". Malia as dificultades, Losada lembrou que "hai moitas persoas que apoian Cans ano tras ano e que sabemos que van estar aí". As entradas estarán limitadas a 200 únicas entradas de mañá e outras 200 de tarde. Só sairán á venda en packs con camisola, con prezos que van variar entre os 20 e os 25 euros, e que incluirán tamén accesos á coloquios e ás actuacións musicais para o público sentado. Nesta edición só poderán acceder ás proxeccións, coloquios na Leira, e actuacións persoas que teñan unha entrada, debido á necesidade de ter un control de capacidade. Todas as persoas deberán cumprir as normas vixentes de uso de mascara, hixiene e distanciamento. Sobre o cartaz, Fabián Moldes, director de Produción de Nikkis Galicia, explicou que é unha homenaxe a Chano Piñeiro, a través do personaxe emblemático de Caladiño, que representa á Galicia máxica e soñadora, coa súa bicicleta voadora.