A Xunta apoia 67 iniciativas de distribución e proxección exterior da escena e a música

Agadic publica o listado de accións promocionais e xiras ás que contribúe

A Xunta publica hoxe na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a adxudicación das subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais, a través das que achega 170.000 euros a 67 iniciativas de proxección interior e exterior das artes escénicas e da música de Galicia, cofinanciando os gastos que asumen as empresas á hora de buscar unha maior difusión do seu traballo. Dáse así resposta á totalidade de solicitudes que cumpriron os requisitos destas axudas, concretamente as que tiveron lugar entre o 1 de novembro de 2019 e o 12 de marzo de 2020. A contía global adxudicada corresponde á suma de todas as subvencións solicitadas por empresas culturais galegas nas dúas modalidades principais desta liña de axudas (artes escénicas e música), con diferentes subcategorías segundo o tipo de iniciativas desenvolvidas fóra de Galicia: distribución de espectáculos, actuacións en feiras e festivais, e asistencia a feiras e mercados culturais. No caso da escena, apoiase así mesmo a distribución en escenarios galegos. No apartado de música son 24 as iniciativas subvencionadas con 100.320 euros en total. Entre elas, a xira que Sumrrá desenvolveu o ano pasado en China, a europea de Heredeiros da Crus, as actuacións en Suramérica de Xabier Díaz Trío ou Sés, a de Uxía no Festival Ahoje é Ahoje de Maputo (Mozambique) ou a de Davide Salvado na Wiener Konzerthausn de Viena (Austria).

Entre as 43 propostas subvencionadas na modalidade de artes escénicas, por un importe global de preto de 70.000 euros, atópanse as xiras por diferentes escenarios españois dos espectáculos Orquestra de malabares, de Pistacatro; Los limones, la nieve y todo lo demás, de Matarile Teatro; Pink Unicorns, de La Macana; Hemos venido a darlo todo, de Voadora, ou Elisa e Marcela, de A Panadaría, así como a presenza en Ecuador de O Retrete de Dorian Grey e a participación de compañías galegas en diferentes festivais, como é o caso de Elefante Elegante en MadFeria de Madrid ou Pistacatro e Os Monicreques de Kukas no FETEN de Xixón. Na cita asturiana estivo tamén Xampatito Pato dentro do seu amplo percorrido por diferentes mostras españolas como Circostrada e Festival en la Cuerda Floja de Cantabria, Malabahria de Lanzarote, Circat de Pollença (Mallorca), Zircozaure de Bilabo, Teatrea da Rioxa ou o encontro da federación CircorRED.