O autor italiano Pietro Gottuso (Verona, 1987) foi o gañador do XIII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado cun proxecto titulado Desde 1880, que representa o paso do tempo a través dunha libraría. O certame tivo un significativo nivel de participación a pesar da pandemia de coronavirus, con case 400 traballos presentados dende dunha vintena de países, principalmente de España, Italia e Portugal, ademais de Estados Unidos, México, Arxentina, Francia, Reino Unido, Sri Lanka ou Taiwan, entre outras procedencias. Na valoración da obra distinguida, un álbum ilustrado "sen palabras", destacaron que se trata dunha "narración gráfica que amosa o paso do tempo nos últimos 140 anos" a través dun edificio nunha cidade no que hai unha libraría, como testemuña privilexiada -e "baixo a mirada de Cronos"- dos acontecementos: dende as contendas bélicas ata as transformacións sociais, pasando pola evolución da paisaxe urbana. Tamén salientaron a técnica pictórica "moi coidada, realizada en acrílico sobre madeira e con rigoroso debuxo". O xurado estivo formado pola especialista en bibliotecas escolares Pilar Sampedro; a libreira e editora Paz Gil; o ilustrador Xosé Cobas; o profesor e experto en ilustración na literatura, Alberto Urdiales; a directora editorial de KALANDRAKA, Manuela Rodríguez; a edil de Educación do Concello de Santiago, Noa Díaz; e Beatriz Varela como secretaria. O certame, organizado polo Departamento de Educación do Concello de Santiago e KALANDRAKA, ten unha dotación económica de 9.000 euros ademais da publicación da obra nas cinco linguas peninsulares. A artista guipuscoana Maite Gurrutxaga foi a finalista do XIII Premio Compostela cun álbum titulado Bola. Ademais, o xurado outorgoulle unha mención especial a Pájaros, da uruguaia Lucía Franco e da arxentina Natacha Ortega.