O Ministerio de Transportes recuperará a antiga Casa de Correos de Arzúa para uso cultural

Licita as obras para amañar o edificio e os seus xardíns por 624.685 euros

15/7/2020 | Santiago. Redacción | Seccións: patrimonioxacobeoarquitectura
33 lecturas | Compartido 0 veces

Antiga Casa de Correos de Arzúa. Fotografía do Mitma

Con varios anos de atraso sobre o calendario inicialmente previsto, o Ministerio de Transportes, Movilidade e Axenda Urbana (Mitma), acaba de licitar a reforma do antigo edificio de correos de Arzúa e dos seus xardíns. O Ministerio investirá 624.685 euros para acondicionar este espazo, na actualidade en estado ruinoso, con vistas ao seu uso cultural. En concreto, as actuacións recuperarán a construción orixinal, eliminando engadidos, e recuperarán o xardín, ademais de acondicionar a contorna e conectar o novo centro cultural con outros espazos da vila.
Segundo sinala o Mitma no anuncio desta intervención, "as actividades culturais estarán vencelladas co Camiño de Santiago e a súa interacción en Arzúa", así como "con outros usos culturais que no futuro se consideren de interese para o concello". Está previsto que os traballos comecen o vindeiro outono e se prolonguen por dez meses.

O proxecto da arquitecta madrileña María Mestre foi o seleccionado, xa en 2016, para artellar a recuperación deste espazo. A proposta prevé abrir o xardín traseiro como espazo público que conecte o edificio coa veciña Capela da Madanela e eliminar cerramentos e chemineas que se engadiron ao conxunto con posterioridade á súa construción en 1800.

A actuación fai parte dunha serie de intervencións que o Mitma prevé desenvolver no Camiño de Santiago ao seu paso por dez concellos das provincias da Coruña e Lugo.

Universo culturagalega.gal

Universo

Explora o Universo

Pincha para ampliar esta historia
no seu contexto cultural galego

Escenarios
3 lugares identificados
Claves temáticas