Redrum teatro estrea esta semana ‘O mozo da última fila’ de Juan Mayorga

Roberto Leal e Guillermo Carbajo protagonizan a obra xunto a Mónica García, Machi Salgado, Belén Constenla e Rubén Porto

Roberto Leal e Guillermo Carbajo protagonizan a obra xunto a Mónica García, Machi Salgado, Belén Constenla e Rubén Porto
Mónica García, Machi Salgado, Guillermo Carbajo e Rubén Porto nun momento da obra.
A compañía Redrum Teatro estrea este martes o seu novo espectáculo: O mozo da última da fila. Dirixida por Alex Sampayo, a montaxe poderá verse este martes, 7 de xullo, e o mércores 8 no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Tras a suspensión dos seus ensaios e a súa prevista estrea en abril polo o estado de alarma, a compañía retomou recentemente o traballo preparatorio da estrea no Auditorio do Concello de Rianxo onde tiñan unha residencia artística, para agora facer a estrea en Santiago. Roberto Leal, Guillermo Carbajo , Mónica García, Machi Salgado, Belén Constenla e Rubén Porto conforman o importante elenco desta mordaz obra do dramaturgo, académico da Real Academia Española e Premio Nacional de Teatro, Juan Mayorga, que converterase na primeira adaptación ao galego da súa escrita teatral. Ademais destas datas de estrea a compañía xa ten confirmadas representacións de cara ao outono o vindeiro 3 de outubro en Narón, o 6 de novembro en Ribeira e o 14 de novembro en Viveiro.

O mozo da última fila nos presenta unha fonda reflexión cargada de ironía sobre a fascinación polas vidas alleas, a manipulación dos seres queridos e a lexitimidade de toda creación artística que emprega como materia prima a realidade que nos envolve. A súa trama xira ao redor dun profesor de literatura e un alumno, interpretados respectivamente por Roberto Leal e Guillermo Carbajo, que se enlean con complicidade nun atípico "tour de force" literaria que acaba por derivar nunha sorte de xogo psicolóxico que afectará as súas contornas persoais. O autor fálanos do mundo educativo, da alienación cultural ou da clase media a través da historia de Xermán, un veterano e desmoralizado profesor de instituto que a principio de curso, pídelle ao seu alumnado que escriba unha redacción sobre a súa fin de semana. De todos os traballos, chámalle a atención a calidade do texto de Claudio, estudante introvertido que non participa nin destaca, nin por arriba nin por abaixo. Na súa redacción, Claudio xoga coa ficción e a realidade a través da observación da familia dun compañeiro. Así comeza un relato por entregas entre alumno e profesor que acaba convertido nun xogo perigoso, tanto para eles coma para quen os rodea.

A estrea e posteriores representacións no Teatro Principal vense afectadas polas restricións de seguridade sanitaria actuais, polo tanto o pano subirá para menos de 70 espectadores e seguindo uns protocolos de acceso á sala estipulados en tempo e forma para evitar contactos e aglomeracións.