Festivais pequenos e ciclos de concertos volven a marcarse en axenda

O 17° Ribeira Sacra e o Felicia Pop celebraranse este ano 2020

| Santiago. Redacción | Seccións: Espectáculos
Compartir:
17º Ribeira Sacra Festival 2019 Fotos oficiais: JavierPhotoRosa

17º Ribeira Sacra Festival 2019 Fotos oficiais: JavierPhotoRosa

Non hai moito o panorama de festivais de verán aparecía como algo desolador, con cancelacións caendo unha tras outra e co único horizonte de 2021 coma promesa de recuperación dese oferta concreta. Pero agora a realidade é que non son todos os formatos que sufrirán ese destino e hai algún destes eventos que poden adaptarse ás circunstancias actuais. Nese sentido chegou o anuncio de que o festival 17° Ribeira Sacra terá edición este mesmo ano. Esta cita tan especial cun entorno privilexiado atopou finalmente nas súas propias características contrarias á masificación e de pequenos encontros os elementos necesarios para sacar adiante entre o 30 de xullo e o 2 de agosto a que presentan como “a edición máis especial” do evento. Desde a organización aínda non avanzan o que será o programa pero apuntan ás limitacións que haberá, de asistencia de público ou das posibilidades de traer artistas internacionais. Limitacións que non impedirán en todo caso realizar este ano a cita co patrimonio, cultural, natural e gastronómico da Ribeira Sacra e tamén coa música, como é marca deste festival que nos poucos anos que leva, desde 2017, acadou sona e reputación nun panorama que, ata este ano, tiña que competir con macroeventos.

Desde as marxes do alternativo, o independente e o pequeno outras citas súmanse a salpicar de ofertas o panorama do verán de festivais. É o caso do Felicia Pop de Limodre (Fene) que repetirá este ano os días 7 e 8 de agosto. Cincocentas persoas poderán asistir a esta cita, coas medidas de seguridade de obrigatorio cumprimento que xa ten confirmadas ademais varias bandas de rock como The Homens, Los Pepes, Los hermanos Dalton, Lie Detectors e Los Fusiles. As entradas custan cinco euros e xa están en reserva. Na Coruña será o festival Resis de Música Contemporánea e artes relacionadas dará a saída este mesmo mércores 1 de xullo na Fundación Seoane e desenvolverá catro citas presenciais que tamén se emitirán en liña. Marc Vilanova, Noè Rodrigo, Vertixe Sonora e Magdalena Cerezo, conforman a programa que este ano leva o título Algoritmos sonoros.

Ciclos e programas para todo o verán
Todas estas programación ademais veranse complementadas na axenda coa aparición de dúas novas citas cos concertos na Coruña e Vigo. Na cidade olívica a terraza do Auditorio Mar de Vigo acollerá durante todo o verán co ciclo TerraCeo de concertos de artistas nacionais, e incluso actuacións de monologuistas. Na Coruña o auditorio Palexco será o lugar onde durante o mes de xullo se ofrecerán un programa de concertos baixo o cartel O norte non Para, que traerá tamén a figuras do pop e o rock nacional. Ademais diso a Rede Galega de Música ao Vivo volve despois do parón pola corentena, e xa presentou a programación deste circuíto promovido pola Xunta de Galicia a través da Agadic en colaboración con 20 salas de 15 localidades. Son de agardar tamén as actuacións que terán lugar dentro do programa Directos Xacobeo21.

Que che parece esta nova?
81 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito