Colectivos escénicos reclaman apoio para coproducións de danza á Agadic

A Plataforma de Afectadas polo Centro Coreográfico denuncia que o departamento ficou fora do Plan de Reactivación Cultural

Solicitarlle á Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e á Consellería de Cultura "que en 2020 manteña e reforce orzamentariamente o Programa de coproducións de espectáculos de danza" do Centro Coreográfico Galego. Este é o eixe do quinto comunicado da Plataforma de Afectadas polo Centro Coreográfico que se facía público nas redes este 16 de xuño. Co apoio da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Academia Galega de Teatro, Asociación de Produtores Técnicos de Espectáculos de Galicia, Emprendo Danza e Escena Galega, a plataforma sinala que "este programa constitui nos últimos anos o apoio e vínculo principal e case único do CCG coa creación coreográfica galega actual".




A iniciativa contou cun orzamento de 50.392 € en 2019-2020 e de 51.244 euros en 2017-2018, quedando un ano e medio sen convocar. En cada unha das súas edición deu pé á creación de tres espectáculos de artes do movemento. Ademais, a plataforma denuncia que o Centro Coreográfico non aparece mencionado no Plan de Reactivación dos Sectores Cultural e Turístico da Xunta e destaca que "a supervivencia e reforzo orzamentario deste Programa de coproducións en 2020 é condición básica para o cumprimento de mínimos do obxectivo estatutario do CCG de apoio á creación coreográfica galega".