O enorme potencial de Galicia para a práctica do sendeirismo dá pé a numerosas iniciativas

Reino de carreiros

Milleiros de leiras. Milleiros de núcleos habitados espallados por todo o mapa. E entre todos eles carreiros, camiños e ata estradas. O noso país conta cunha inmensa rede de vías idóneas para a práctica do sendeirismo. Desde hai xa anos, moitos colectivos, persoas, e ata empresas aproveitan esta rede para organizar actividades turísticas, deportivas e culturais.

Hai milleiros de anos non había outro sistema de se desprazar máis que andando. Cando a sociedade occidental se foi mecanizando, e esa obriga desapareceu en grande medida, descubriuse que camiñar podía ser tamén unha forma de ocio e de exercicio. O coñecemento pausado de elementos paisaxísticos e culturais foi gañando cada vez máis adeptos, tanto nas súas versións máis avanzadas, coma o montañismo, coma nas máis comúns excursións. A finais dos anos noventa comezou a pórse de moda o sendeirismo, unha versión un pouco organizada das camiñadas, na que se realizan rutas prefixadas e sinalizadas que contan cun especial interese paisaxístico ou cultural. Os sendeiros habilitados para esta actividade adoitan ser definidos segundo uns criterios internacionalmente recoñecidos que os clasifica como de longo percorrido (aqueles que superan os cincuenta quilómetros) e de curto percorrido (os que teñen menos lonxitude).




O Camiño tamén é un sendeiro

Ademais de que a nosa orografía e paisaxe predispoña o país para o sendeirismo, a Historia tamén fai que Galicia estea vencellada desde hai mil anos a este tipo de actividade. O Camiño de Santiago é desde sempre unha das principais rutas a pé existentes no mundo, e aínda na actualidade está catalogado coma sendeiro de longo percorrido (GR-65). Ademais deste temos outros sendeiros de longo percorrido en Galicia, que permiten percorrer a pé e con calma boa parte da nosa xeografía. Camiños coma o Panorámico de Vigo que bordea este concello durante cincuenta e oito quilómetros, a Ruta dos Ríos, que vai de Betanzos a Corrubedo ou o Sendeiro das Greas, que avanza durante douscentos dous quilómetros polo sur do país. A cantidade de rutas de curto percorrido establecidas e sinalizadas é moi grande, e aínda existen moitos outros camiños estructurados desde asociacións veciñais ou entidades locais que non están recoñecidos oficialmente coma rutas de sendeirismo.



Grandes camiñantes
Na Federación Galega de Montañismo incluíron hai xa varios anos o sendeirismo coma unha actividade máis e realizan nas fins de semana saídas deste tipo por todo o país. O máis habitual é que percorran sendeiros circulares ou de pequeno percorrido No ano 2001 foron os encargados de coordinar o Euro Randos 2001 en Galicia, unha actividade a nivel europeo que consistiu na organización de dez rutas por toda Europa que confluían en Estrasburgo. Os participantes nestas rutas foron facendo relevos e pasándose un bastón feito con madeira autóctona de cada zona de partida.




Memoria no camiño

Ademais dos que practican o sendeirismo fundamentalmente coma un deporte, hai moita xente que desenvolve esta actividade desde un punto de vista fundamentalmente cultural. É o caso dos participantes nas actividades da COGARRO (Coordenadora Galega de Roteiros). Este colectivo organiza desde hai cinco rutas de fin semana coa intención de “recuperar a memoria histórica”. Deste xeito os camiñantes coñecen directamente a zona de actuación da guerrilla antifranquista galega, o Couto Mixto e diferentes construccións romanas ou medievais. As rotas inclúen explicacións e charlas sobre cada zona, ademais do contacto con persoas de cada lugar para coñecer a historia oral. Cada saída reúne a unhas quince ou vinte persoas que, segundo a organización, normalmente repiten a experiencia.



Aprender a camiñar

Aínda que camiñamos todos os días, non sempre somos consciente do que pode supor para o noso corpo pasara horas e horas nun sendeiro. Hai unha serie de consellos básicos que seguir antes de pórse a andar. É fundamental ter un bo calzado, preferentemente botas de montaña lixeiras, cómodas e resistentes, preferentemente impermeables. Ademais débese levar roupa cómoda e axeitada para o exterior, e algo para beber. Chagas nos pés, torceduras, queimaduras polo sol, molladuras e derivados son os riscos que ten o camiño, pero os que teñen a experiencia aseguran que paga a pena.