O confinamento revoluciona a participación nos concursos literarios

Os certames con formatos breves reciben numerosas propostas

Nas últimas semanas véñense anunciando os fallos de varios certames literarios no país, que mantiñan convocatorias de textos breves. En todos eles destaca a altísima participación. O III Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal, no que se premiaron nvoe historias de ata 200 palabras, sumou máis de 750 contos. A oitava edición do concurso de microrrelatos Ribeira Sacra-Parada de Sil non foi menos. "Este ano batéronse todos os records", recorda o consistorio de Para de Sil (Ourense). Presentáronse 1044 participantes". Tamén outro concello lugués, Paradela, viuse desbordado. Á convocatoria do XXV Certame Literario Manuel Orestes Rodríguez López presentáronse 971 obras, das que 422 obras foron de poesía (máximo 100 versos) e 503 de narrativa (máximo 20 folios).

Para o crítico literario -e membro habitual dos xurados dos certames do país- Armando Requeixo, hai varias explicacións para esta axitación literaria e cibernética. "A facilidade dos envíos dixitais (aforras copias, encadernacións, envíos postais, que, ao final todo custa). Tamén no caso dos certames de textos (hiper)breves, a facilidade para crear un texto require un esforzo extensional (e/ou intensional) menor que para escribir unha novela longa, por exemplo. E por suposto a crise do coronavirus puxo patas arriba o noso sempre resistente sistema editorial, así que os certames son agora, máis que nunca, unha opción interesante para asegurarse visibilidade, unha compensación económica e mesmo a confirmación da publicación futura dos textos".

Nos vindeiros meses rematarán os prazos de entrega para os premios literarios de maior contía económica, coma o Torrente Ballester, o Xerais, o Blanco Amor ou o Álvaro Cunqueiro de Textos Teatrais. Entón será posible ver se este afán pola participación literaria se traslada tamén aos textos de maior extensión.