Os 'jalpóns' de Cans van á Bienal de Arquitectura de Venecia

Os arquitectos Creus e Carrasco presentan un proxecto de conversión dos almacéns dos veciños en cines

Os arquitectos Creus e Carrasco presentan un proxecto de conversión dos almacéns dos veciños en cines
Foto:Festival de Cans
Un dos aspectos máis singulares do Festival de Cans é o uso de espazos domésticos, sobre todo os galpóns dos veciños da parroquia, como espazos de proxección audiovisual. Agora, un proxecto do estudo coruñés de arquitectura Creus e Carrasco titulado "Cans: arquitectura de consenso", no que desenvolven estes usos efémeros de espazos de almacenamento e traballo do rural galego irá á Bienal de Arquitectura de Venecia, como un dos 34 proxectos admitidos para seren expostos no Pavillón de España do evento. "Os dous arquitectos, seguidores fieis do Festival de Cans, presentaron un proxecto tentando responder á pregunta que plantea a Bienal de Venecia nesta edición: “How will we live together?” (Cómo vivir xuntos?). Os eixos centrais do traballo baséanse na idea de Cans como un proxecto que estimula a recuperación do patrimonio, explora novas formas de convivencia, e pon en valor o sentimento de colectividade como un xeito de afianzar unha base de identificación co certame". A exposición de Cans conterá material gráfico, vídeos, paneis e un plano de aldea coas maquetas físicas deseñadas expresamente para a exposición.