Dez compañías galegas e seis foráneas compoñen o programa da Mostra de Teatro de Cangas

Quico Cadaval recibirá o premio Xiria e Mercedes Oliveira o Mulleres en Acción no transcurso do festival

A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas presentou este 9 de xuño o programa da súa trixésimo sétima edición que transcorrerá do 9 ao 18 de xullo. En total a vila do Morrazo acollerá dez espectáculos galegos, a incluír as estreas absolutas de O Monte das Aras de Teatro de Ningures, Hell Brothers por CirKompacto, PYKA, por Cinema Sticado, e As boas actrices da compañía 3 (Clara Gayo, Mónica Camaño e Arantxa Villar). Canda a estes poderá verse a Commedia de Contraproducións, Guerra de identidade, de DeuVe; Liberto, de Rebordelos Teatro; Só, de Xanpatito Pato; Dúas donas que bailan, de Teatro do Atlántico, e As virxes salvaxes, de Teatro do Noroeste.

De fóra do país chegan ao evento Napoleão, da lusa Companhia do Chapitô; Dolce Salato, da italiana Carpa Diem; a coprodución galego-brasileira Circo de Lume, de Asasocirco; a italo-cántabra Punto y Coma, de El Cruce; a madrileña The Pimitals, de Producciones Yllana e Primital Bross, e a vasca Tonbola, a cargo de HIKA Teatroa.

A xornada Mulleres en acción celebrará no marco da Mostra a súa vixésima edición a estudar a "Fenda laboral das profesionais das artes escénicas e audiovisuais", mentres o encontro de teatro Nova Realidade abordará pola súa banda as consecuencias para este sector da actual crise sanitaria.

O IV Torneo de Dramaturxia, porá a competir a María Lado, Roberto Salgueiro, Marta Pérez e Fernando Castro Paredes, con Esther F. Carrodeguas como condutora. A organización salienta que o programa potenciáronse as actuacións de rúa e todos os espazos e protocolos responden ao actual contexto de crise sanitaria pola Covid-19.

O pregón inaugural da mostra correrá a cargo de Paula Carballeira mentres Quico Cadaval será homenaxeado co XXXIV Premio Xiria ao Labor Teatral mentres Mercedes Oliveira recibirá o Premio Mulleres en Acción.