O Museo Massó abre en liña un 'best-seller' medieval da súa biblioteca

A institución fai un achegamento ao Liber Chronicarum por medio dunha presentación e pasatempos en liña

O Liber Chronicarum ( libro das crónicas) de Hartmann Schedel editado en Nuremberg en 1493, é un dos 21 libros incunables da biblioteca creada ao longo de varias xeracións pola familia Massó e que hoxe está integrada no museo que leva o seu nome. Como parte da campaña "Contigo na casa" que a entidade museística de Bueu está levando a cabo no Estado de Alarma a entidade ofrece dende o pasado día do libro unha presentación explicativa do volume e os seus contidos na que a través de 16 follas explica as súas características e importancia. Ademais, a partires de tres das impresionantes ilustracións que contén o libro, o Museo Massó pon en liña tres quebracabezas sobre as ilustracións de Roma, Venecia e Florencia.

Segundo explica a presentación, este incunable, que no seu país de orixe é coñecido polo nome do autor como A Crónica do mundo de Schedel, e en inglés coñecese como As crónicas de Nuremberg, foi un "best-seller" na época dos inicios da imprenta. Pertence ao xénero das crónicas universais, crónicas que se realizaban en Europa durante a Idade Media de acordo cunha cronoloxía cristiá que arrinca desde o Xénese. Son compendios de textos onde se establece unha estreita vinculación entre as historias bíblicas, a historia sacra e a historia profana, que inclúe consideración filosóficas, xenealoxías de reis e emperadores e fitos históricos como a creación ou destrución de cidades. Unha mestura de lendas, historias fantasiosas e feitos reais. En concreto a obra de Schedel destaca por encima de outros incunables impresos na mesma época pola cantidade e calidade das ilustracións, afirma a presentación. En total a edición en latín contén 1809 ilustracións gravadas con técnica xilográfica. Tendo en conta que só a terceira parte dos incunables estaban ilustrados podemos facernos unha idea do carácter extraordinario desta obra.

A selección das ilustracións de Roma, Florencia e Venecia feita desde o Museo Massó é significativa xa que nela esta a clave da nova Era na que Europa estaba a entrar, aseguran. Aínda que a idea de cidade que se transmite neste libro atópase dentro dos límites dun contexto medieval, onde o simbolismo predomina sobre o afán polo coñecemento, nos detalles hai un incipiente interese por identificar aspectos sociais, económicos e históricos que nos sitúa no camiño cara un novo escenario da cultura urbana propio da súa época. A través do blog do museo pode accederse a todos estes contidos, a presentación, o quebracabezas e unha ficha de cada unha das tres ilustracións destacadas.