Notas en mosaico (III): Música que achega e racha distanciamentos

Cancións novas, recordos, versións e accións de cohesión musical contra a separación enchen a rede de novas propostas

Cancións novas, recordos, versións e accións de cohesión musical contra a separación enchen a rede de novas propostas
Presumido
A música, que non parou de facer, producir e estar presente durante toda a corentena, segue deixando cada semana mostras da súa capacidade como elemento de cohesión e expresión popular. Creadores e intérpretes de todos os xéneros seguen aumentando o corpus musical galego que xa quedará sempre ligado a este período. Desde novas composicións, recuperacións, versións ou complexas interpretacións conxuntas son o resultado da achega que segue a xurdir do sector musical.

O estado de Alarma pillou ao dúo de synth-pop Presumido en plena xira de presentación do seu disco e proxecto Cuatro Estaciones. O feito de que ademais de ser dúo artístico compartan vivenda fixo do confinamento de Tarci Ávila e Nacho Dafonte un fervedorio de actividade musical e comunicativa. Eles foron dos primeiros en facer unha serie de entrevistas con compañeiros da sector a través de redes sociais, interactuando en forma de diálogos sobre as súas inquedanzas. Ademais diso o dúo ven de publicar un vídeoclip, gravado na súa casa, cun tema tamén creado e gravado por eles durante o illamento. Encerrados é unha balada electrónica claramente centrada no momento actual e coa que o dúo conseguen de novo a calidade dos seus anteriores traballos engadindo ademais detalles sonoros que nos transportan ao pop electrónico dos anos 80. Seguramente a canción se engadirá aos directos cando estes sexan posibles, ata entón Presumido fixo pública a petición de que o seu público se engada como subscritores á súa canle de YouTube, lembrándonos que para que as visualizacións dos vídeos poidan converterse en fonte de ingresos para os artistas as canles deben ter un mínimo de 1.000 subscritores. Unha medida de monetarización da creación musical moi necesaria nestes momentos para os artistas en xeral e que non supón esforzo ningún para o seu público. En poucas horas a súa canle chegou aos 1.400 subscritores.



Coas fronteiras entre España e Portugal pechadas o Festival IKFEM (International Keyboard Festival & Master Class) que se celebra entre Galicia e Portugal amparado pola eurocidade Tui-Valença, ven de organizar un encontro virtual co cal 40 pianistas desfán o afastamento entre ambos países. Cuarentecla ibérica reúne pianistas de todo o espectro ibérico interpretando desde as súas casas a rapsodia para orquestra de Emmanuel Chabrier con arranxo para dous pianos e oito mans de Camille Chevillard.


O momento que estamos vivindo, tan especial e con tantos sentimentos encontrados, leva en moitos casos a recuperar contactos do pasado. É o caso do que ocorreu con Xoel López. A partires dunha mensaxe o músico reuniuse virtualmente cos membro do que foi o seu primeiro proxecto musical, Deluxe, e levando a cabo unha gravación a distancia do seu tema Reconstrucción, tan acaído á situación. Loza, Chapo, Charlie Bautista, Miguel Rivera, Tuli, Gato Charro e Juan de Dios, acompañan a Xoel López nesta viaxe ao pasado quye sen dúbida fixo alegrarse aos moitos seguidores dos proxectos de Xoel.



A cantante Xoana non quixo deixar que o distanciamento social parase a súa actividade e, sen saír da casa, ideou, gravou e editou un novo videoclip. O traballo xorde como mostra de que a creación cultural non descansa e como demanda dunha maior promoción e apoio da mesma. Todas as imaxes do videoclip filmáronse a través da cámara dun móbil e os catros escenarios foron recreados na casa de Xoana. O tema pertence ao seu disco Dardos.


A Real Filharmonía de Galicia conta xa con dúas novas entregas dos seus episodios de confinamento. No primeiro deles, continuamos a ver retallos dan novas rutinas das e dos seus integrantes: pequenas homenaxes a Beethoven, clases e ensaios, composicións e festexos. No segundo, que se ve a continuación, despiden abril coa interpretación da Rosa de abril de Rosalía de Castro na voz da mezzosoprano Marta Infante. A música de Andrés Gaos na orquestración do mestre Joam Trillo.
Preme nas imaxes para acceder aos vídeos.



A banda melidense de rock Cuarta Xusta tamén quixo achegar neste momento un tema gravado desde as casa. Último asalto é un tema novo da banda que sae como gran de area desta formación dedicado ás amizades, a familia, ao resto de músicos, ao persoal sanitario "e toda a xente que día a día segue currando, por todas e cada unha das persoas que fan as cousas ben".



Non sendo galegos, a formación bosnia Dubioza Kolektiv vn de facer nunha das súas sesións confinadas unha interpretación que tamén pasa a sumar na música galega. A banda, que coñece ben Galicia por ter estado de xira en varios festivais fai unha versión da desaparecida banda Lamatumbá, co tema Licor do negro café.



Engáense a esta lista, de última hora, as mulleres bravas de A Banda da Loba. A formación solicitou da súa xente seguidora palabras coas que compoñer unha canción "nativa do confinamento" para compoñela e graval nas condicións actuais. Cunha lista de verbas que foron : leria, leira, niño, aperta, lires, terra, pitiño e videochamada a Banda da Loba ven de sacar este novo e optimista tema Centrifugando no curral. Ademais A Banda da Loba fixo un chamamento por redes sociais a que a xente se anime a facer versións das súas cancións e enviarllas, como unha festa musicald e homenaxe á lingua cara o 17 de maio.