Unha Carta aberta a Carballo Calero será o manifesto de Queremos Galego no 17 de maio

A plataforma convoca a se mobilizar desde a casa a prol da nosa lingua no Día das Letras

As xa habituais mobilizacións que a plataforma Queremos Galego convoca cada 17 de maio serán este ano domésticas por mor do estado de alarma derivado da crise da COVID-19. A plataforma chama desta volta á sociedade a manter as mobilizacións desta data "pendurando de xanelas e varandas a bandeira galega e cartaces que reivindiquen a nosa lingua". Ademais, a entidade anima a compartir en redes sociais, o mesmo 17 de maio, imaxes e vídeos de convocatorias anteriores baixo as etiquetas #PrecisamosDoGalego #QueremosGalego e #17demaio.


A plataforma porá a disposición das persoas interesadas material en diferentes formatos para imprimir co lema da convocatoria deste ano. "Precisamos do galego: xustiza, igualdade e cohesión" é a frase escolleita por Queremos Galego para incidir na "reivindicación de avances reais para o galego", principalmente en ámbitos como o ensino e a xustiza, tal e como sinalaron, segundo lembran, o Comité de Ministros do Consello de Europa e mais o relator especial da ONU para as minorías nacionais.

O web da entidade publicou xa o manifesto deste ano, unha Carta aberta a Ricardo Carvalho Calero que asina Pilar García Negro. O texto louva o traballo do homenaxeado no Día das Letras, a sinalar que "os seus estudos, os seus artigos, analisaron perfeitamente a impostura radical da lexislación constitucional e estatutaria verbo da normalización necesaria da lingua de noso" e critica duramente a acción institucional encol do galego a sinalar que "aínda por riba desta limitación, acumulamos anos e anos -décadas- de incumprimento sistemático das cativas normas favorábeis ao uso social e público do galego".

O texto tamén reclama a participación social no traballo a prol do idioma, a lembrar que "unha lingua non pode denominarse normal se non posúe os atributos de tal: ha de ser ubicua, capilarmente circulante por toda a sociedade, con efeito multiplicador, renovábel e atenta a todas as necesidades comunicativas, científicas, expresivas e estéticas do mundo actual. Nen máis nen menos. Para isto precisamos que todas e todos os nosos compatriotas a sintan, a pensen e a practiquen como sinal irrenunciábel, como sacramento conferidor de personalidade, de todos nós, povo galego".