Novas voces reclaman ampliar o ano Carballo Calero a 2021

A Associaçom de Estudos Galegos, a Fundación Manuel María ou o investigador Henrique Dacosta súmanse á solicitude

Ao longo da última semana novas voces están a se sumar á proposta de que as conmemoracións do Día das Letras Galegas dedicado a Carballo Calero se prolonguen ata 2021. As últimas solicitudes neste sentido veñen de trece centros sociais, asociacións e colectivos do ámbito reintegracionista, que presentaron un comunicado conxunto a se opor á proposta da Real Academia Galega de centrar a celebración o vindeiro mes de outubro "porque nessas datas é praticamente impossível garantir que a figura de Carvalho Calero seja trabalhada e divulgada como deveria ser", en particular o ámbito do ensino. Asinan o comunicado a Associaçom de Estudos Galegos, BRIGA, Coletivo Terra (Eume), CS A Gentalha do Pichel (Compostela), CS A Revolta (Vigo), CS Gomes Gaioso (Corunha), CS Fuscalho (Baixo Minho), CS Madia Leva (Lugo), CS O Quilombo (Ponte Vedra), Escolas de Ensino em Galego Semente, Fundaçom Artábria (Trasancos), Local Social Faisca (Vigo) e SCD Condado (Condado).

A Associaçom de Estudos Galegos xa fixera público previamente un comunicado no que reivindicaba a necesidade de ampliar a celebración dedicada ao autor ferrolán. Este 24 de abril sumouse á reivindicación o investigador Henrique Dacosta, especialista no escritor, que nunha entrevista no Diario de Ferrol sinala como "lóxico" e "de xustiza" ampliar o tempo para que se poida homenaxear a Carballo "como é debido".

Tamén a Fundación Manuel María emitiu o pasado 17 de abril un comunicado a prol desta medida, no que sinala que "sen ocasionar prexuízos a ninguén, resultará beneficiosa para a extensión da cultura galega, o afianzamento do conxunto do seu tecido cultural e suporá un tratamento xusto para a figura de Carvalho Calero". A entidade considera que este é o único xeito de que entidades de base e propostas escénicas ou editoriais arredor do Día das Letras se poidan desenvolver con normalidade. Na mesma liña se pronunciou o pasado día 15 o Instituto de Estudos Chairegos.

Estas propostas súmanse ás que xa realizaran a Associaçom Galega da Língua, a Federación Galiza Cultura, A Mesa, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega no mesmo sentido.