A plataforma GaliciaLe quintuplica os préstamos de libro en galego

O número de préstamos e usuarios desde o comezo do estado de Alarma presenta unha suba espectacular

O número de préstamos e usuarios desde o comezo do estado de Alarma presenta unha suba espectacular
Con 4.173 préstamos de material dixital en galego efectuados entre o 14 de marzo e o 14 de abril deste ano a Plataforma GaliciaLe, da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia quintuplica a referencia do mesmo período do pasado 2019 que era de 786 préstamos. É unha das cifras comparativas que a Dirección da plataforma ven de comunicar e que dan unha dimensión do alcance que está a ter desde que facilitou o seu uso co comezo do confinamento, posibilitando un autorrexistro non presencial con pleno acceso aos fondos multimedia das bibliotecas. Así o número de rexistros por esta vía multiplicouse por 21 chegando aos 4017 novos usuarios. No caso dos préstamos de material en castelán o número é moi superior, con 16.552 préstamos efectuados, e no período de comparación era de 3.602. Malia iso o número de usuarios activos sí que presenta grandes diferenzas na súa evolución interanual, xa que o número daqueles que o fan no Catálogo de documentos en galego multiplicouse por 7 -2.875 fronte aos 408 de 2019- mentres que os do catálogo en castelán – 5.432 fronte a 1.381- non chegaron a cuadriplicarse.

Os libros en galego máis prestados neste formato dixital foron Loboferoz, de Patacrúa (Oqo edicións) en infantil, con 218 préstamos, mentres que en narrativa para adultos foi a novela de Pedro Feijoo Un lume azul (Eds. Xerais) a máis solicitada con 72 peticións. A película Mimosas de Öliver Laxe, foi o audiovisual máis pedido tamén na plataforma. No que ten que ver co libro en castelán as obras máis solicitadas son todas para o lectores adultos e a lista está encabezada pola novela La madre de Frankenstein de Almudena Grandes (Tusquets editores) con 137 empréstimos sobre ela. A plataforma de préstamo de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas GaliciaLe contén o catalogo de libro galego, que ten tamén cine galego e Ebiblio-Galicia, que é a plataforma do Ministerio de cultura, e que conta con libro en castelan principalmente, revistas e audiolibros.