Puro Ocio é o debut discográfico de Verto

O dúo de trap en galego presenta sete temas no seu primeiro álbum

Logo de revolucionar as redes coa súa actuación en Luar a presentar o tema Oie Gayego, Verto lanza o seu primeiro álbum. Puro Ocio achega sete temas nos que o dúo de Alberto Mira "Berto" e Fernando Peleteiro "Fer" continúan coa súa fusión de trap con toques latinos e elementos ambientais, a cantar sempre en galego. Repasos cantados da propia historia do grupo, retratos do ambiente compostelán e expresións de teimas e desexos íntimos combínanse en temas alegres e reflexivos. Puro Ocio, autoeditado e producido de xeito doméstico, está dispoñible en Spotify e Youtube e súmase aos cinco singles previos que o grupo fora publicando desde 2019.