Os contidos dixitais das Bibliotecas públicas ábrense ao público en rede

Urco Editora saca unha liña especial de libro electrónico de balde

Urco Editora saca unha liña especial de libro electrónico de balde
A plataforma de préstamo de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas ven de facilitar o acceso aos seus fondos electrónicos ao non requirir dos trámites presenciais de creación do carné de biblioteca. Cun rexistro na súa web a plataforma proporciona xa as claves para accederás a eBiblio Galicia e ao Catálogo galego no que dure a corentena. Tras este período os usuarios disporán de 30 días para achegarse á biblioteca a solicitar o carné e seguir gozando das vantaxes de GaliciaLe. O lector atopará dous catálogos: un que contén o "Catálogo galego" e outro que aloxa o "Catálogo en castelán". As obras incluídas nestas dúas contornas, xa sexan lecturas ou audiovisuais, poderán lerse e visionarse en dispositivos compatibles: tabletas, teléfonos móbiles e ordenadores persoais. No caso dos libros, poderá facelo, ademáis, desde un lector de libro electrónico. Ata agora estes contidos só estaban accesibles para os usuarios destas bibliotecas, polo que era preciso ter carné, e desde este momento ábrese toda a poboación. Esta nova medida enmárcase na campaña #aculturasegue que a Consellería de Cultura e Turismo ten en marcha a raíz da crise sanitaria.

Tamén no sector editorial están a levar a cabo iniciativas para fornecer de contidos abertos. É o caso de Urco Editora, que en colaboración co departamento de deseño de Sacauntos Cooperativa Gráfica, preparan unha serie especial de e books con relatos selectos dos seus títulos máis míticos na súa liña de relatos de terror, para descargar completamente de balde. O primeiro xa está dispoñible e forma parte do volume 1 da súa Biblioteca Lovecraft. Trátase de "A cidade sen nome", un dos grandes relatos do ciclo de Cthulhu do escritor esencial do horror.
Na liña de facilitar o acceso a contidos culturais en rede para todo tipo de usos, ocio ou educativo, o escritor Henrique Neira, ven de actualizar a guía Como atopar libros galegos en Internet que publicara en 2006 Código Cero e que pode descargarse en liña como recurso de apoio para o profesorado e o alumnado que precisa localizar libros para poñer ou facer traballos estes días sen poder desprazarse a bibliotecas.


En Culturagalega.gal seguiremos a dar conta das diferentes iniciativas nesta liña que vaian aparecendo na rede, unificadas baixo o cancelo #culturanacasa.