Os veciños de Castrolandín recuperan a tradición de facer a cacharela de San Xoán no recinto do castro da súa aldea

San Xoán castrexo

As murallas do castro locen na noite cos fachos prendidos arredor de todo o seu perímetro. Dentro, a xente da vila celebra o solsticio de verán. A escena podería corresponder a habitantes da Galicia de hai dous mil anos, pero é unha realidade que se pode ver cada vintetrés de xuño en Castrolandín, en Cuntis. Esta tradición, perdida durante anos, foi recuperada polos veciños dentro dun programa para recuperaren o castro.

Os veciños de Castrolandín celebran o San Xoán nun castro. O que a primeira vista pode parecer un feito excepcional, obedece en realidade a un costume que noutros tempos estaba fortemente arraigado na nosa terra. “É unha celebración que se facía en moitas zonas. Na Ribeira Sacra, onde hai moitos castros, facíanse as fogueiras dentro, e con estacas, piñas e resina marcábase o perímetro da muralla”, lembra Xurxo Ayán, un dos arqueólogos que están a colaborar na recuperación das tradicións vencelladas ao castro. Textos de antropólogos tan destacados coma Vicente Risco, Carmelo Lisón Tolosana, Antonio Fraguas ou González Reboredo corroboran esta idea, en boa medida descoñecida para o público xeral. Coma tantas outras das nosas tradicións, o Franquismo supuxo unha ruptura, ao seren prohibidas as cacharelas en moitas zonas polo perigo que supuña o lume.



Salvar a festa, salvar o castro

Na actualidade só se conservan este tipo de celebracións asociadas a castros en Castelo (Taboada) e en Vilelos (O Saviñao), onde tivo que ser recuperada por iniciativa dos veciños. En Castrolandín, o monte en que se celebraba este evento atopábase ata hai poucos anos cuberto por piñeiros e por maleza. A comezos dos anos noventa nacía neste lugar a Asociación de Amigos dos Castros, que iniciou un intenso traballo de limpeza e promoveu diversas actuacións para poñer en valor o castro. Dentro das súas iniciativas incluíron o manter as tradicións vencelladas a este espacio, e no ano 2000 comezaron a traballar na organización dun novo San Xoán no castro, recollendo información sobre o xeito en que se facía a celebración e preparándoo todo para o vintetrés de xuño do 2001. Ata agora estase cumprindo ano a ano este ritual, cunha importante participación dos veciños da zona, que se encargan en conxunto da preparación da festa.



O traballo de facer festa


O labor comeza dúas semanas antes da noite de San Xoán, cando a rapazada do lugar vai casa por casa recollendo os materiais para o lume, fundamentalmente piñas, madeira de amieiro e palla. Con estes materiais artellan o chamado castelo de San Xoán, un conxunto de atados vexetais composto por estacas en que se colocan as piñas cubertas de unto e de resina e que cobren todo o perímetro da muralla do castro situándose a poucos metros uns dos outros. Ás doce da noite acéndese a fogueira maior, situada no centro do recinto, e cando esta comeza a esmorecer, préndense teas nela e os participantes na festa van prendendo as diferentes estacas que conforman o castelo. Segundo recolle Xurxo Ayán dos vellos do lugar, era habitual noutros tempos que antes da media noite se prendese unha fogueira pequena, para que os da aldea veciña e rival prendesen inmediatamente a súa “fachendeando de tela máis grande”. Cando estaba esta no seu esplendor, “os de Castrolandín prendían entón o seu morico grande de toxo, rindo de últimos contra os de Campo”.



Para que serve unha fogueira

Segundo explica Xurxo Ayán nun estudio sobre a importancia antropolóxica do recinto de Castrolandín, é habitual que se produza unha apropiación simbólica dos castros por parte dos veciños da zona, outorgándolle novos significados e empregos a estes espacios. A celebración da fogueira de San Xoán, tería ao seu ver, tres vertentes simbólicas. Por unha banda cumpriría, coma no resto do país, unha función de ritual propiciatorio e purificador. Esta zona ademais presenta a peculiaridade de que as mulleres en idade fértil saltan a fogueira para favoreceren as posibilidades de ter descendencia. Por outra banda, a celebración da fogueira nun outeiro elevado serve como elemento de autoafirmación da aldea fronte ás veciñas, xa que o lume pódese ver desde máis lonxe. Finalmente, a festa ten unha función de cristianización dun lugar que funcionaría como punto de unión entre o mundo cotián dos veciños e o mundo oculto dos mouros que, segundo a tradición, e tamén en Castrolandín, habitan baixo a terra do recinto amurallado. A proximidade coa aldea permitiu, segundo Ayán, que o castro fose sempre un espacio social “os rapaces xogaban ao fútbol nel, e foi sempre un lugar de celebracións e reunións para os habitantes da parroquia”.




Historia na festa


Coa intención de dar a coñecer entre os veciños a importancia dos castros e o xeito de vida dos seus antigos habitantes, coincidindo co San Xoán do 2002 a Fundación Terra Termarum, na que participa a Asociación de Amigos dos Castros, organizou uns obradoiros castrexos. Nestas actividades, organizadas en colaboración co Laboratorio de Arqueoloxía e Formas Culturais da Universidade de Santiago podíanse ver e empregar reproduccións de instrumentos da época castrexa, ademais de coñecer de xeito práctico as bases da arqueoloxía e o sistema de traballo dunha escavación.




Na busca dun novo castro


A festa é só parte dun ambicioso programa de recuperación e posta en valor deste espacio que uniu á Asociación de Amigos dos Castros, ao Concello de Cuntis e á Mancomunidade de Montes de Castrolandín na Fundación Terra Termarum. Coa colaboración da Universidade de Santiago e do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento están a traballar na creación dun plan director para a recuperación do castro, que na actualidade está pendente de recibir unha subvención do programa Leader da Unión Europea para a súa posta en valor. Vese así que unha festa pode servir para moito máis que para divertirse. Sobre todo se é San Xoán.