A Consellaría de Cultura publicita contidos na rede para o confinamento

A Bibliografía Xacobea e os vídeos da exposición Galicia, un relato no mundo preséntanse como principais novidades

A Bibliografía Xacobea e os vídeos da exposición <i>Galicia, un relato no mundo</i> preséntanse como principais novidades
A seguir a liña iniciada por diferentes empresas, profesionais do sector ou entidades de base, a Consellaría de Cultura sumouse este 21 de marzo á proposta de achegar contidos para consumo na casa durante o período de confinamento. A promover o cancelo #aculturasegue, a entidade lembra toda unha serie de recursos que xa estaban dispoñibles nos webs de diferentes organismos que dependen desta entidade. Así, os recursos en préstamo da plataforma GaliciaLe, os filmes históricos publicados no web do CGAI, os percorridos virtuais por diferentes museos do país ou as mostras e publicacións dos arquivos do país preséntanse como opcións para o ocio doméstico. Do mesmo xeito, lémbranse os recursos existentes no web de Turismo de Galicia para coñecer o noso patrimonio ou no Portal da Lingua Galega, entre outros espazos na rede.


Como novidade, a consellaría presenta a Bibliografía Xacobea, unha compilación de traballos feitos por investigadores do fenómeno xacobeo por todo o mundo. Monografías, teses de doutoramento, catálogos de exposicións ou actas de congresos xacobeos están dispoñibles neste novo repositorio.

A outra nova achega desta iniciativa é o lanzamento, ao longo de vindeiras datas, de oito novos vídeos que presentan pezas destacadas da exposición Galicia, un relato no mundo, actualmente na Cidade da Cultura. O Mapa de Sawley, a II Guerra Mundial en Galicia, as conexións con Europa da Galicia da Idade do Bronce, o nacemento da bandeira galega, os indianos, as gravacións musicais da emigración e o aporte económico e cultural da emigración son os temas das vindeiras entregas, mentres a dedicada a "a emigración galega a América: o Cap Norte" está xa dispoñible na rede.



Canda a estes, a Consellaría publicou xa vídeos específicos sobre o Día da Poesía e o Día da Narración oral con este cancelo e anuncia propostas específicas de cara ao Día do Teatro (27 de marzo), o Día das Artes Galegas (1 de abril) ou o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril).