Novos comunicados do sector alertan do impacto na cultura do Estado de Alarma

A Asociación de Tradución, a de Festivais Audiovisuais e mais a compañía Berrobambám suman as súas reflexións sobre a situación

Continúan as reflexións desde diferentes ámbitos do sector cultural a alertar do impacto que a actual situación de parálise e de confinamento social vai ter sobre as empresas e traballadores deste ámbito. Nos últimos días, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación emitiu un comunicado no que apuntan que este é "un colectivo que vai sufrir de xeito moi forte o impacto económico, dado que a cancelación de encontros internacionais pode durar ben máis que a situación de alerta e emerxencia na que estamos inmersas, sobre todo tendo en conta que as cancelacións de eventos xa se iniciaron antes de o goberno decretar medidas concretas e que van afectando de xeito paulatino cada vez a máis países". A isto engaden a cuestión de que "a maioría de profesionais da interpretación no noso país traballan como autónomas e están nestes momentos en situación de ingresos cero sen unha fin á vista".



Ante esta situación reclaman a inclusión específica deste perfil profesional nas medidas de apoio aos sectores económicos que se desenvolvan desde as administracións, así como que haxa unha liña específica orientada á reactivación de encontros internacionais, "que aseguren a creación de oportunidades laborais para intérpretes de e cara ao galego en todos os eventos realizados no noso territorio ou con representación galega no exterior".

Tamén Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais Audiovisuais, emitiu un comunicado a apuntar que no caso destas citas, as cancelacións que se están a dar no marco do Estado de Alarma "os festivais de cinema galegos non cancelamos, senón que aprazamos a nosa celebración no convencemento de que imos volver á normalidade e poderemos disfrutar das diversas programacións" previstas. A coordinadora recoñece, ao tempo que é previsible que en vindeiras datas se sucedan novas anulacións de eventos previstos.

A compañía Berrobambán, pola súa banda, publicou nas súas redes sociais un texto a denunciar que "a cultura non segue. A cultura está parada, como moitos outros sectores produtivos. Nestas últimas semanas toda a actividade das empresas dedicadas ás artes escénicas foi cancelada e, como consecuencia, as persoas que nelas traballan viron os seus contratos rescindidos". A compañía alerta da especificidade dun sector que non se axeita ás medidas de apoio económico anunciadas polo Goberno de Madrid. "Poucas desas empresas poden acollerse a un ERTE, xa que implica a contratación posterior da persoa por un tempo mínimo de seis meses. Hai poucos contratos de seis meses nunha empresa teatral", apunta.

Neste contexto, Berrobambán reclama medidas específicas por parte da Agadic e de administracións municipais, a apuntan a posibilidade que de estas entidades poñan "a disposición nalgunha plataforma as pezas nos días e horas programados, e pagar, se non o caché completo, polo menos unha parte" ou programar emisións destes contidos na TVG, co pago de dereitos ás compañías correspondentes". O comunicado remata cunha solicitude ao público a "pedirche que sexas un dos motores para que a cultura siga, non nun hashtag, senón nunha realidade, agora, durante e despois desta crise, co teu apoio responsable".