As industrias culturais moven ficha en canto a propostas de axuda concretas

O Ministerio está a reunir datos de impacto e ideas por medio dunha enquisa

A falta de coñecer hoxe mesmo as medidas que o Goberno do Estado vai tomar para paliar os efectos económicos desta crise sanitaria xa hai algúns movementos, tanto desde a esfera privada coma desde a mesma administración. Tal é o caso das medidas propostas pola FAETEDA (Federación Estatal de Empresas de Teatro y Danza), que segundo informa a Revista Galega de Teatro, Erregueté, vén de enviarlle un documento ao Ministerio para ser tratado alí hoxe na reunión do Gabinete de crise, cunha primeira proposta de medidas pensadas para o sector das industrias culturais nos eidos fiscal, laboral, financeiro, de axudas públicas e para a promoción cultural. Tamén unha proposta para reforzar dende o Ministerio as accións a levar a cabo polas CCAA e entidades locais.

Pensar no día despois
Pensando xa coa perspectiva do “día despois” desde Faeteda entran tamén na proposta de medidas de recuperación do sector para cando a vida normal poida volver a poñer en activo o mundo da cultura, abrir os espazos e chamar de novo ao público. Así solicitan unha redución do IVE nas entradas das primeiras 140 funcións do 10% actual a un 4%; redución do IVE de todos os servizos relacionados co espectáculo en vivo, incluído o caché que os espectáculos facturan ás Administracións. Tamén con esa perspectiva cren desde a Federación na necesidade de ir pensando en liñas de promoción a preparar como o financiamento dunha primeira semana de asistencia aos espectáculos con prezos reducidos; axudas para manter prezos asumibles e creación de rebaixas nas entradas; Axudas a colexios e institutos que promova a asistencia do alumnado ao teatro e axudas a campañas específicas de promoción.

Mentres ese momento non chega FAETEDA propón contemplar o acceso á protección por desemprego sen esixir período de carencia; asegurar que os períodos de desemprego consumidos durante esta suspensión non prexudiquen o recoñecemento de futuras prestacións; suspensión da obriga de pagamento das cotizacións por parte das empresas; axudas ao financiamento dos ERTES xerados no período de corentena e supresión da cota dos autónomos durante o período de inactividade. A nivel financeiro, para permitir a resistencia das estruturas empresariais creadas piden da Administración establecer liñas de crédito urxentes e liñas de liquidez, a través do ICO, para empresas culturais e establecemento dun fondo para cubrir as perdas por lucro cesante. No eido da fiscalidade FAETEDA propón a redución do tipo impositivo no Imposto de Sociedades; exención do IVE dos alugueres de espazos que non poden desenvolver a súa actividade e reducción dos IBIS dos espazos de exhibición. Tamén solicitan o adiamento do pago de impostos como o IRPF, o pagamento á Seguridade Social, o IVE e o imposto de sociedades.

O Ministerio busca información para a toma de decisións
Dende o Ministerio de Cultura están a dar algúns pasos tamén, no sentido inicial de pedir información do impacto da crise e ideas aos propios afectados. Así a asociación Músicas ao Vivo fixo público que desde o Ministerio puxéronse en contacto con diferentes colectivos e plataformas como a súa para solicitar datos da afectación do sector da música en vivo e pedir propostas sobre as medidas necesarias para paliar a situación. Músicos de todo o país están chamados a achegar de xeito anónimo as súas situacións e propostas para o que MAV puxo en liña a enquisa na que solicitan a colaboración do colectivo para ter información e achegas de gran importancia para ir medindo na medida do posible o alcance da situación actual. A enquisa ministerial pregunta sobre o número de concertos, gravacións ou outros traballos como dar clases ou encargos que tiveron que ser cancelados ou aprazados pola crise, o cómputo de ingresos perdidos e solicita ideas tanto para tratar os casos de músicos por conta allea, como son os de orquestras, como dos autónomos.