O sector cultural reacciona ante o impacto económico do parón de actividade

Xestores culturais e orquestras solicitan axudas específicas e os bibliotecarios reclaman o peche do servizo

Desde o sector cultural moitas voces están xa alzándose ante a incerta situación económica na que os peches de espazos e as cancelacións de eventos, xa sexa por decreto ou por precaución, van deixar a varias das partes da industria cultural como son artistas, promotores, axentes, donos de salas e espazos e toda unha sorte empregos derivados das iniciativas culturais. En moitos caso todos estes axentes culturais son micro-empresas ou autónomos afeitos de mais a situacións de precariedade ou cando menos non de desafogo tal como para afrontar unha parada de actividade prolongada ou media. Malia que algunas das medidas decretadas onte polo Goberno do estado a nivel fiscal poden ser aproveitadas tamén desde o sector hai moitas partes de risco e perda económica que quedan aínda fóra ou non ben cubertas por estas medidas. Ante iso a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) ven de emitir un comunicado no que lembran a importancia do sector cultural na achega ao PIB estatal (2,4%) e esixen da administración central "medidas extraordinarias para paliar os efectos que a suspensión dos eventos e o peche de espazos públicos está a provocar no sector cultural, un sector xa de por si moi sensible ás crises económicas e en constante precariedade".

Tamén desde a Asociación Galega de Orquestras (AGO) fixeron pública unha mensaxe na que aseguran sumarse ás medidas e apoiar ao Goberno para atallar o factor de contaxio recoñecendo que iso implica que “moitas orquestras van a deixar de poder facer o seu traballo” pero non deixan de sinalar haberá un "dia despois" e unhas consecuencias económicas moi preocupantes para empresarios, autónomos, músicos e os demais traballadores do sector que "necesitan traballar e estar o día coas súas obrigas (letras, hipotecas etc.) e iso non vai a ser fácil nestas circunstancias”, aseguran desde AGO. Os representantes das orquestras afirman que van precisar “a axuda das Administracións para saír adiante".

Queixas dos bibliotecarios polas medidas da Xunta
A Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia, BAMAD Galicia, ven de emitir un comunicado facendo constar a súa desconformidade coas directrices indicadas para as bibliotecas da Comunidade Autónoma Galega no marco das medidas preventivas adoptadas polo Consello da Xunta. Esta asociación considera que as directrices establecidas son “canto menos confusas para os equipamentos culturais, mantendo uns centros pechados e outros con servizos limitados”, din. BAMAD Galicia fai notar que a Resolución contempla o peche ao público de museos, arquivos e outros equipamentos culturais dependentes da Administración autonómica, mentres que no caso das bibliotecas, "poderán permanecer abertas, limitando a súa capacidade ata un terzo do máximo permitido co fin de posibilitar a separación dos usuarios e dificultar a transmisión do virus". Para BAMAD esta decisión faise especialmente complicada de satisfacer no servizo xa que non se especifica o método a usar para establecer o control do aforo dun terzo de capacidade, tanto mais ao especificarse o peche das ludotecas e espazos infantís, algún deles situados dentro das bibliotecas que si estarán abertas. Ademais os documentalistas esixen da administración autonómica un nivel de protección da súa saúde similar ao de outros empregados públicos, polo que entenden eles que as bibliotecas "tamén deberían
permanecer pechadas ao público nestes días", conclúen.