O Festival Atlántica reivindica a narración oral como a arte escénica con máis representacións no país

A oitava edición celebrarase entre o 11 e o 20 de marzo en dez concellos galegos

A oitava edición celebrarase entre o 11 e o 20 de marzo en dez concellos galegos
Presentación do Festival Atlántica
"Non hai outra arte escénica que todos os días estea presente nalgún lugar de Galicia", afirmou sobre os narradores orais Soledad Felloza, a directora do Festival Internacional Atlántica de Narración Oral, que este ano celebrará a súa oitava edición entre o 11 e o 20 de marzo de 2020 en dez concellos galegos: Santiago de Compostela, Ferrol, Ourense, Vigo, Lugo, Lalín, Teo, Ames, Pazos de Borbén e A Coruña. "Nunha enquisa interna do colectivo de narradores galegos contamos que celebrabamos entre todos preto de 4.000 funcións ao ano por todo o país". Deste xeito reivindicou unha arte para todos os públicos. Atlántica celebrará este ano 60 funcións con artistas procedentes das dúas beiras do Atlántico. Desde Colombia, Venezuela, Brasil, pero tamén doutros puntos da Península. "O festival será tamén a recuperación de Santi Prego, finalista dos Premios Goya como actor de reparto, para a narración oral. Santi Prego foi un contacontos pioneiro e formador de contacontos". E o Festival inicia unha nova liña de programación destinada aos "narradores espontáneos". "Aquela xente que ten unhas dotes incribles para a narración oral pero só a exercen con amigos e nos seus pequenos círculos familiares", sinala Soledad Felloza. Nesta edición, a experiencia iniciarase co empresario Ghaleb Jaber Ibrahim, quen acompañará a Santi Prego na palestra do Centro Cultural da Almáciga o xoves 12 de marzo. A programación do Festival inclúe unha extensa programación tamén para público infantil.