Culturactiva presenta o espectáculo teatral sobre a infancia de Rosalía

En 'Rosalía' amósase un episodio da nenez da escritora cando deixa Padrón cara Santiago

En 'Rosalía' amósase un episodio da nenez da escritora cando deixa Padrón cara Santiago
O auditorio da Ramallosa, en Teo, acolle mañá mércores 5 de febreiro, unha función de preestrea para ecolares e medios de comunicación do espectáculo Rosalía, nova produción de Culturactiva. A infancia de Rosalía de Castro é a protagonista desta montaxe, destinada a público infantil e que recrea a vida da escritora Rosalía de Castro nun dos seus momentos de cambio fundamentais para a súa vida, o traslado desde Padrón a Santiago de Compostela. Fina Calleja dirixe un texto de Nate Borrajo, interpretado por Cristina Collazo e Rocío González, co que reflicten a infancia dunha nena fantasiosa e rebelde que imaxina o mundo e pon a xogar as palabras. Rosalía poderá verse durante o mes de febreiro en Vigarcía, Melide e A Coruña.

A obra ten como vocación rescatar para o público máis novo a infancia da escritora, explicando o seu carácter como unha nena creativa, inconformista, lectora, activa e rebelde ás cousas que considera que non son xustas. Valores que forman parte da obra de Rosalía de Castro e que a rapazada só pode chegar desde a súa explicación adulta. A poesía, a música e a creatividade da nena que será unha das grandes escritoras universais son os argumentos da peza para que os espectadores e as espectadoras novas se acheguen á biografía e Rosalía sen deixar o carácter infantil: xogos de palabras, música popular e o cambio de vida que a protagonista terá que facer como paso dunha etapa a outra da súa vida. Un cambio que na obra ten como reflexo unha grande parte de diversión e outra de transmitir as sensacións da protagonista coas que os rapaces de entre nove e doce anos poden sentirse identificados.

Na produción Rosalía ten que deixar a aldea e marchar para Santiago de Compostela. É un cambio difícil para quen disfruta coa vida natural, para unha nena afeita a vivir poñendo a xogar as palabras e inventando mundos e ditos. Rosalía é unha nena e xa está preparada para marchar, ten os baúles preparados, pero ela non está convencida da decisión. Este é o punto de inicio de “Rosalía”, a primeira obra de teatro que ten como protagonista a infancia da principal poeta galega. Tamén se trata na obra de ver como a influencia da vida cando nena ten na obra da escritora á que as espectadores e espectadores coñecerán no futuro.
Ligazóns