A banda Mileth é a gañadora do XI Premio Narf da Deputación da Coruña do que o pasado sábado se celebrou a gala final na sala A Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. Nun espazo especialmente relacionado con Fran Pérez, Narf, o músico que dá nome ao premio, celebrouse na noite do venres ao sábado, a final da décimo primeira edición do concurso para grupos e artistas musicais da Deputación da Coruña que gañou a banda Mileth nacida na Mariña luguesa, despois dunha actuación ao vivo dos cinco grupos finalistas. O segundo premio foi para Costa Escura e o terceiro para Adhara&Ritman. Rabuda e Rebezo foron os outros dous grupos que chegaron ao final do certame. O xurado composto polos músicos Xurxo Souto, Marcos Payno e Su Garrido Pombo -gañadora da edición anterior- coa xefa de Servizo de Cultura, Mercedes Fernández-Albalat como secretaria e o deputado de Cultura, Xurxo Couto, como presidente, destacou de Mileth a súa forte aposta escénica ademais da "instrumentalización, a singular fusión entre tradición e metal e a súa innovación no panorama musical actual". O grupo Milth naceu na Mariña luguesa no ano 2009 e practica o que definen como Metal Pagán Galaico, unha mestura entre metal extremo, folk e música tradicional galega. No 2019 presentan esta particular fusión no seu primeiro disco Catro pregarias no albor da Lúa Morta que definen como un paso firme na teima "de buscar unha fusión orgánica á par que persoal destes dous mundos" para o que contaron con colaboración de músicos de prestixio no panorama folk como SondeSeu, Quempallou ou Rodrigo RomanÃ. O primeiro clasificado recibirá 3.000 € o segundo 2.000 € e unha xira dos dous producida pola Deputación da Coruña, o terceiro gañador terá un premio de 1.500 mentres que o cuarto e quinto será de 1.000 €.