A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da comisaria da exposición Mulleres do silencio, Rosario Sarmiento, e de Soledad Penalta e Almudena Fernández (dúas das artistas protagonistas do compendio) presentaron onte o catálogo Mulleres do silencio. De Maruja Mallo a Ángela de la Cruz, nun acto que serviu de arranque á programación impulsada polo Goberno provincial para conmemorar o 25-N. O catálogo, de 175 páxinas, está baseado na exposición que tivo lugar no MARCO entre outubro de 2016 e abril de 2017 na que se deu a coñecer a obra e traxectoria de 19 artistas galegas vinculadas á pintura. A Deputación editou 1.000 exemplares do catálogo que recolle unha descrición breve bibliográfica, en galego e castelán, e imaxes dalgunhas das obras máis representativas de Maruja Mallo, Julia Minguillón, M.ª Victoria de la Fuente, Elena Fernández-Gago, Fina Mantiñán, Beatriz Rey, M.ª Antonia Dans, Mercedes Ruibal, Elena Colmeiro, Soledad Penalta, María Xosé Díaz, Menchu Lamas, Rosalía Pazo Maside, Berta Cáccamo, Pamen Pereira, Ángela de la Cruz, Mónica Alonso, Almudena Fernández Fariña e Tatiana Medal.
O catálogo divídese en catro bloques, seguindo a propia proposta formulada pola exposición. A través dos bloques faise fincapé en cuestións coma o seu insignificante protagonismo nos movementos de vangarda anteriores á guerra civil, a posguerra e a obrigada emigración cara a outros centros artísticos fóra de Galicia, a chegada da democracia e o impulso dinamizador que van coñecer as artes plásticas en Galicia e, finalmente, os novos escenarios formativos nos que as nosas artistas comezarán as súas traxectorias nos inicios do século XXI. Mañá venres haberá no MARCO de Vigo unha nova presentación desta publicación ás 18:00 horas.