O festival Titiriberia esténdese en tempo e espazos polo Concello de Teo

Entre o 9 e o 15 de novembro ofrecerá 12 funcións incluíndo centros escolares e a barraca na Feira de Francos

A presidenta da Asociación Cultural Morreu o Demo, Comba Campoi; e a coordinadora do Titiriberia, Larraitz Urruzola, xunto á concelleira de Cultura de Teo, Maite Argibay, e ao deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto                   FOTO: Titiribeira
A presidenta da Asociación Cultural Morreu o Demo, Comba Campoi; e a coordinadora do Titiriberia, Larraitz Urruzola, xunto á concelleira de Cultura de Teo, Maite Argibay, e ao deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto FOTO: Titiribeira
O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, organizado pola Asociación Cultural Morreu o Demo co apoio do Concello de Teo e da Deputación da Coruña, celebrará a súa cuarta edición entre o 9 e o 15 de novembro cunha programación que inclúe 12 funcións, unha mesa redonda, dúas exposicións, cursos de formación e unha serie de actuacións para os centros de ensino do municipio teense. Deste xeito, Titiriberia estende a súa programación durante sete xornadas e volverá centrar parte da súa atención na Feira do San Martiño, recuperando así a Carballeira de Francos como espazo de difusión dos monicreques tradicionais. Neste 2019, o Festival Tititiriberia afondará ademais na "transversalidade", de xeito que a súa programación está pensada para desenvolverse entre tres piares fundamentais: a descentralización, levando as actuacións a diferentes puntos do concello de Teo; a implicación do sector profesional, a través de cursos de formación que imparte a prestixiosa artista napolitana Irene Vecchia, e a aposta clara pola creación de novos públicos, mediante o conxunto de funcións, videoforums e obradoiros que se están a desenvolver nos institutos e colexios do municipio baixo o paraugas "Da barraca á aula", programa escolar que se desenvolve ao abeiro das subvencións para actividades culturais da Deputación da Coruña.

A primeira das representacións para público escolar celebrarase o vindeiro 12 de novembro, estará destinado ás alumnas e aos alumnos do último ciclo de primaria e correrá a cargo do compañía Fantoches Baj, que representará a súa peza Fábula Galénica en dúas sesións (10.30 e 12.30) no Auditorio Constante Liste. Nesa mesma xornada, no Salón de Actos do IES Cacheiras ás 13.35 h., actuará Marcelo Lafontana para o alumnado de 1º e 2º da ESO. Dous días despois, o 14 de novembro, a compañía La pícara locuela representará El Faldón de la locura, montaxe dedicado ao alumnado de educación infantil no Auditorio Constante Liste en dupla sesión, ás 10.00 h. e ás 12.30 h. Estas representación veñen precedidas desde o pasado 8 de outubro polas proxeccións en varios centros de ensino do documental Morreu o demo, acabouse a peseta, producido por Tintiman Audiovisual e dirixido por Pedro Solla.

Na Feira de Francos
Un ano máis, Titiriberia asentará a súa presenza na Feira de Francos polo San Martiño coa instalación da súa xa habitual Barraca. Este espazo escénico, situado na Carballeira de Francos, abrirá a súa actividade o domingo 10 de novembro ás 21.30 h. coa estrea de As varietés do Barriga Verde, un espectáculo para adultos creado para evocar o ambiente lúdico que fai décadas se vivía na Carballeira de Francos que estará presentado por Iria Pinheiro co acompañamento musical do grupo Áureas e contará coas actuacións de clown, escapismo e manipulación de obxectos a cargo de Pajarito, Maria Dobronich (Arxentina), Quinquilláns, Trécola e Alakrán.

Xa o luns, día de San Martiño, a partir das 10.30 h. as compañías galegas Títeres Alakrán, Seisdedos Marionetas e a Cía Indignati da Asociación Galega de Commedia dell’arte encargaranse da animación de rúa e do campo da festa con diferentes actuacións que servirán para chamar a atención do público. Ás 11.30 h., na propia Barraca, chegará a quenda de Barriga Verde ataca de novo, espectáculo de Títeres Alakrán, e ás 12.30 h., a artista napolitana Irene Vecchia presentará a súa peza Pulcinella. A actividade na Barraca completarase pola tarde xa co artista de orixe brasileira afincado en Portugal Marcelo Lafontana que ofrecerá a partir das 16.00 h. un pase da súa peza Mamulengo Capiroto, que tamén se poderá ver pola mañá nunha primeira sesión ás 10.30 h.

A actividade de Titiriberia, lonxe da Feira de Francos, estenderase a diferentes puntos do Concello con tres espectáculos para o público familiar. O primeiro deles terá lugar o sábado 9 de novembro ás 18.00 h. no Local da Asociación A Mámoa (Iglesia, 18. Luou), que recibirá a Viravolta Títeres e a súa peza Barriga Verde. A segunda prográmase para o vindeiro mércores 13 de outubro no A.R.C Os Tilos e correrá a cargo da compañía galega Títeres Cachirulo que lle brindará ao público a súa peza Camiño de Aventuras. E a terceira celebrarase o venres 15 de outubro no local A.C.R San Xoán de Calo, que acollerá Juego de Polichinelas, da compañía segoviana La Pícara locuela.


Finalmente, a oferta de Titiriberia se completa coa exposición A grande familia do títere europeo, que se pode visitar até o día 15 na Piscina Municipal; a mostra sobre a historia de Barriga Verde que acollerá a propia Barraca na Feira de Francos e a mesa redonda que se celebrará este sábado 9 ás 20.00 h. na Casa Grande de Cornide baixo o título Onde vai a cachaporra? Títeres tradicionais no panorama galego. Nela participarán Topo Vidal, Irene Vecchia, Os Monicreques de Kukas e a titiriteira lalinense Pilar Álvarez Blanco.
Ligazóns