O Festival de Fotografía da Coruña reunirá na Fundación Seoane a máis de 30 autores

No marco do programa do IIIº FFoco celebrarase unha feira dedicada á edición de fotolibros

Tras da desaparición do Outono Fotográfico de Ourense e quedando moi atrás xa a Fontobienal de Vigo, preséntase como “o único festival fotográfico de Galicia” unha terceira edición do FFoco Festival de Fotografía da Coruña que volverá facerse realidade os vindeiros 15 e 16 de novembro. Na súa terceira edición o FFoco consolídase como cita obrigada e punto de encontro para profesionais e amadores da fotografía documental galega. A programación de FFoco busca un dobre obxectivo: impulsar a creación fotográfica con especial atención a autores locais, achegando as súas propostas a novos públicos; e construír de maneira conxunta un relato visual plural e novo sobre Galicia, afastado de clixés e lugares comúns. A cita terá este ano nova sede: a Fundación Luis Seoane. Proxeccións, exposicións, presentacións, conversas, obradoiros prácticos e unha ffeira editorial especializada en fotolibros que reunirá a destacadas editoriais galegas especializadas en fotolibros, como Banco Editorial, Dispara e Fawbooks, xunto á venezolana La Cueva. Neste marco, presentaranse maquetas e publicacións recentes e celebrarase un Reading Room, actividade comisariada pola antropóloga e investigadora Diana Vilera, que reunirá unha escolma da mellor produción latinoamericana de libros de fotografía centran o programa do festival, protagonizado por máis de 30 autoras e autores que, a través dunha ducia de actividades en diferentes formatos, achegarán os seus traballos a novos públicos. FFoco, Festival de Fotografía da Coruña, é unha iniciativa da Asociación Recreativo Cultural Acolá, entidade sen ánimo de lucro que organiza actividades fotográficas para dinamizar a vida cultural da cidade. Nesta terceira edición, FFoco conta para a súa organización co apoio da Fundación Luis Seoane e a Deputación da Coruña.

Dende o venres 15 de novembro e ata o domingo 8 de decembro converxerán sobre parede o particular relato visual de Tono Arias sobre o Entroido, o impacto do medio rural na mirada conxunta do Colectivo Juan Nadie, e as imaxes escenificadas de David Barreiro, que invitan a reflexionar sobre aspectos como a performatividade masculina en determinadas contornas laborais. Completan a proposta expositiva quince fotógrafas presentes na Colección Alterarte, que cuestionan nas súas obras os roles femininos socialmente asignados. Elas son Lidia Alonso, María Covadonga Barreiro, María Blanco, Mónica Cabo, Mar Caldas, Marta Cerviño, Olaia Fernández, Julia Ferradás, Melania Freire, Maya Kapouski, Anna Katarina Martin, Sheila Pazos, Ana Pérez-Quiroga, María Prada e Sara Sapetti. Entre outras actividades participativas, a programación do festival tamén inclúe un percorrido fotográfico pola Cidade Vella guiado por Rubén Panete; o obradoiro de retrato con cámara de grande formato impartido por Óscar Gorriz e Samuel Ortiz; a conversa coas fotoxornalistas Patricia Gago e Vanessa Casteleiro e a presentación do proxecto inclusivo Nós, Why Not?, primeira axencia de fotógrafos con discapacidade intelectual.

Un ano máis, a completa programación de FFoco cumpre así cun dobre obxectivo: impulsa a creación fotográfica con especial atención a autores locais, achegando as súas propostas a novos públicos; e constrúe de maneira conxunta un relato visual plural e novo sobre Galicia, alonxado de clichés e lugares comúns. Un concerto porá o punto final ao festival e chegará da man de Sara Lorenzo (voz), Pablo Añón Lijó (ventos e arranxos musicais), Alejandro González (piano), Pablo Alvarado (baixo) e José Luis Ducid (recitados). Xuntos presentarán El Faro del Adiós, unha suma de textos e cancións do propio Ducid, artista porteño afincado na Coruña.


Ligazóns