
Os novos condutores do festival quixeron recoñecer desde o principio a singularidade e éxito do formato tradicional de Cineuropa e aseguraron que a estrutura formal se mantén este ano. Trigales quixo recordar que neste evento o espectador é o rei. A programación non está aínda pechada e a vindeira semana, o día 31, coñecerase xa en detalle e por completo, ao mesmo tempo que os destinatarios dos premios de honra. No caso do premio do público a nova dirección multiplica este galardón a un por sección do festival, cinco en total, en troques de ser un único premio cada ano como antes. Ademais esta ano o festival engade unha nova sección de nome Ánimaeuropa que se dedicará ao cine de animación. Mantense na programación a Maratón e haberá ata tres Sesións sorpresa. A falta de dar nomes concretos, coñeceuse que o festival terá varias estreas, algunha delas mundial e outras a nivel estatal ou galego, habituais nun festival que persegue achegar un cine non doado de ver en salas comerciais.
Programa musical paralelo
O director-xerente do Auditorio presentou pola súa banda as actividades paralelas ao festival e que xa poden coñecer a través da web Compostela Cultura, como o Concerto da Banda de Música municipal no Teatro principal dedicado ás comedias de Harold Lloyd e Charles Chaplin e o da Real Filharmonía de Galicia estreando en España a música de J. M. Sánchez-Verdú para acompañar a proxección da película A caída da casa Usher (1928) de Jean Epstein. Ademais tamén quixo encadrar Xaquín López neste programa paralelo o concerto do grupo Los Pilotos e o da actriz e cantante portuguesa María de Medeiros dentro do programa Wom@rts que, xunto a The Legendary Tigerman presentan unha serie de músicas que marcaron a historia do cinema. Será o día 13 de novembro no Auditorio. López ademais comunicou que a venda de entradas para estes espectáculos xa está dispoñible e a de abonos para Cineuropa comezará o día 4 de novembro.