O Simposio Antonio Fraguas celebrarase os vindeiros 27 e 28 de novembro

Ven a luz as Notas compostelás do autor da man de Galaxia e o Consorcio de Santiago

Imaxe do Simposio Antonio Fraguas
Imaxe do Simposio Antonio Fraguas
A Real Academia Galega, o Museo do Pobo, a Fundación Antonio Fraguas e mais o Consello da Cultura Galega acaban de facer público o programa do simposio que se lle dedica ao homenaxeado no Día das Letras Galegas desde 2019. O grande evento de investigación e debate sobre esta figura desenvolverase os vindeiros 27 e 28 de novembro entre as sedes da Real Academia Galega e do Museo do Pobo Galego cun programa no que se abordarán o peso do autor na cultura do país, o seu traballo nos ámbitos da xeografía e a arqueoloxía así como o seu labor no campo da etnografía.


María Xosé Fernández Cerviño, Antonio Reigosa, Francisco Díaz-Fierros, Francisco Durán, Valerià Paül, Camiño Noia, Francisco Calo Lourido, Felipe Arias, María Pilar Prieto Martínez, Concepción Losada, Clodio González, António Medeiros, Luzia Oca, Cristina Sánchez Carretero, Xosé C. Sierra ou Xerardo Pereiro serán algúns dos relatores que fan parte do programa. A asistencia ás sesións será libre e gratuíta ata completar as prazas.

En paralelo, a editorial Galaxia, en colaboración co Consorcio de Santiago presentan neste mes de outubro o volume Notas Compostelás de Fraguas. A obra recolle dous textos nos que o homenaxeado repasa a vida colexial en Santiago, cun repaso ás principais figuras da cidade e as institucións e mais a historia da Sociedad Amigos del Arte de Santiago de Compostela. A obra preséntase este 30 de outubro na sede do Museo do Pobo en Santiago de Compostela.