Unha investigación chama a unha transformación "radical" do relato da conquista romana do noroeste

No estudo analizáronse 22 recintos militares romanos en Galicia e no norte de Portugal

22/10/2019 | Santiago. Redacción | Seccións: historia
47 lecturas | Compartido 0 veces

Modelo 3D a partir de datos LIDAR co emprazamento do campamento romano de Santa Baia (A Laracha, A Coruña). Infográfico: José Manuel Costa. Fonte dos datos LiDAR: IGN-PNOA.

Un grupo de investigadores do colectivo romanarmy.eu veñen de publicar na publicación de referencia Mediterranean Archaeology and Archaeometry un artigo no que prantexan a hipótese dunha presenza militar romana máis diversa e estendida cronoloxicamente que o considerado ata o momento. Ata hai poucos anos, en Galicia só se tiñan documentado e investigado dous fortes militares posteriores á conquista do territorio, en Sobrado dos Monxes (A Coruña) e Bande (Ourense). Iso, xunto con certa escaseza de información nas fontes históricas de época romana, levou a que non se coñecese como foi o proceso de conquista do territorio do noroeste peninsular alén das guerras cántabras que afectaron á cordilleira cantábrica e a zona de León.

Porén, a investigación de José Manuel Costa (USC), João Fonte (Incipit-CSIC e Exeter University) e Manuel Gago (USC) analizou 22 recintos militares romanos descubertos nos últimos anos en territorio galego e no norte de Portugal. As conclusións do artigo sinalan que se trata de recintos de ocupación temporal, vinculados ao movemento e estacionamento de tropas militares, e que a dispersión dos recintos polo territorio galego e portugués revela unha diversidade de operacións, que poden ir desde o combate, o recoñecemento do territorio e o control policial. “A investigación permitiunos mapear unha serie e variedade de evidencias que resoan fortemente nun territorio previamente silencioso”, sinalan os investigadores. Para eles, a análise do novo conxunto de datos “abre as portas a unha transformación radical das narracións históricas tradicionais relativas á conquista e integración destes territorios por Roma”.


Universo culturagalega.gal

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Roma, Portugal, Norte de Portugal, Ourense...