Dumbría organiza o primeiro encontro sobre unha besta mítica do Camiño a Fisterra

O Vákner protagoniza un simposio internacional os días 18 e 19 de outubro

Na súa viaxe a Fisterra durante o século XV o bispo Mártir, de Armenia, recolleu no seu diario a existencia dunha besta que aterraba os peregrinos á que nomeou Vákner. Agora, o Concello de Dumbría organiza o primeiro encontro internacional sobre este ser mítico, que se desenvolverá os vindeiros 18 e 19 de outubro. No programa, especialistas como os filólogos Fernando Alonso Romero e Aurora Lestón, o biólogo Martiño Nercellas ou o historiador Alfredo Erias. No encontro abordarase o contexto no que se recolleu a existencia da besta, figura do bispo e os posibles animais que poderían ter dado pé ao mito.

No encontro tamén participará Bernard Soulier a explicar a experiencia divulgativa ao redor da besta de Gévaudan en Francia e se presentará un audiovisual e mais o proxecto Terras do Vákner, impulsado desde Dumbría, que quere aproveitar esta figura como unha marca turística para este territorio.