A 'Santa' de Asorey volve a Galicia

A exposición 'Galicia, un relato no mundo' trae de Montevideo unha das pezas máis emblemáticas da arte galega

A exposición 'Galicia, un relato no mundo' trae de Montevideo unha das pezas máis emblemáticas da arte galega
Santa de Asorey
A exposición "Galicia, un relato no mundo", que se inaugurará o 14 de novembro no Museo Gaiás da Cidade da Cultura, acollerá, por primeira vez desde a súa partida no ano 1951, a que é unha das obras de arte máis controvertidas e relevantes das primeiras décadas do século XX en Galicia: a escultura Santa, da artista cambadés Francisco Asorey. A Consellería de Cultura da Xunta de Galicia pechou un acordo coa Casa de Galicia de Montevideo (Uruguai) para incorporar á mostra a obra Santa, como un exemplo do rico patrimonio cultural galego albergado na emigración. Canda ela, a exposición acollerá outras valiosas pezas do patrimonio cultural dos galegos noutras terras: a bandeira sinxela do Tercio de Galegos de Bos Aires, de 1807, o Santiago Matamouros da primeira sociedade galega en Cuba e o impoñente cadro do X Conde de Lemos como virrei de Perú. A exposición "Galicia, un relato no mundo" está comisariada polo xornalista e divulgador Manuel Gago.


Santa, no centro dun debate aínda vivo

Santa foi a obra de arte que o propio Asorey se sentía "máis satisfeito". Cando a escultura se presentou na Exposición Nacional de Belas Artes en Madrid en 1926 provocou unha enorme controversia que chegou ás portadas dos xornais da época e mesmo o escándalo da raíña Victoria Euxenia, muller de Afonso XIII. O seu autor, o escultor cambadés Francisco Asorey, representou nela a unha muller labrega cun corpo lonxe das idealizacións femininas da arte da época, marcado polo traballo, o esforzo do tempo. E, a diferencia das representacións simbolistas tan propias dos anos 20, nas que aparecían árbores, fixo que Santa cargara cun xugo de bois e, malia iso, permanecer ergueita e con dignidiade. Desde o primeiro momento, críticos e público identificou Santa como unha representación da muller galega e, por extensión, da propia Galicia e da súa situación na época. E a peza mergullouse nun gran debate estético ao redor de como se representaban as mulleres na arte, pero tamén político, ao redor da propia situación de Galicia.

Santa foi adquirida pola Casa de Galicia de Montevideo en 1951. Partiu de Galicia desde Vigo e desde o inicio da democracia houbo varios intentos de traela de volta ao país. Esta será a primeira vez que a peza retorne para esta exposición temporal que presenta as interaccións entre Galicia e o mundo, simbolizando o enorme patrimonio cultural preservado polas entidades asociativas da emigración. A exposición "Galicia, un relato no mundo" conta coa profesora Pilar Cagiao como asesora especial para emigración.

A bandeira sinxela do Tercio de Galegos

Esta peza está vinculada ao nacemento da unidade de infantería formada por seiscentos voluntarios galegos que se distinguiu na resistencia da cidade de Buenos Aires durante a invasión inglesa de 1807: o Tercio de Galegos formado e dirixido polo enxeñeiro de Campo Lameiro, Pedro Antonio Cerviño. A bandeira –que representa o escudo de Galicia bordado en fíos de ouro e prata por unha cara e da cidade de Buenos Aires pola outra– está vinculada directamente aos acontecementos que desencadearán posteriormente a formación da República Arxentina e supón unha das primeiras testemuñas materiais da unión dos galegos en América. Hoxe consérvase no Museo Marítimo Ingeniero Cerviño da Escola Nacional de Náutica Manuel Belgrano, en Buenos Aires.

Por outra banda, en Galicia, un relato no mundo exhibirase tamén a talla do Santiago Matamouros da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, da Habana. Esta pequena escultura policromada é unha figura simbólica da formación da primeira agrupación galega en Cuba e un exemplo da presenza do Apóstolo Santiago como símbolo dos galegos en América desde a época colonial. A entidade foi constituída en 1871 como unha sociedade asistencial –destinada a socorrer aos emigrantes galegos na súa vida e a súa morte– e antecedeu no tempo á creación do Centro Galego de La Habana. A sociedade existe aínda hoxe, prestando para a exposición esta imaxe relixiosa do seu Santiago Matamouros, que presidiu a entidade e saía en procesión polas rúas da Habana todos os anos ata a revolución cubana de 1959.



A presenza de Galicia na América colonial
Entre as máis de 300 pezas exhibidas en Galicia, un relato no mundo destaca tamén unha obra de gran formato e moi pouco coñecida: o retrato ecuestre de Pedro Antonio Fernández de Castro, X Conde de Lemos, que foi vicerrei do Perú entre 1667 e 1672. O cadro vincúlase coa participación da alta aristocracia galega no goberno da América colonial e atópase actualmente no Museo de Arte Español Enrique Larreta (Buenos Aires).

Trátase dunha representación única dun aristócrata galego do século XVII, debida ao seu cargo como vicerrei. As pinturas ecuestres no Barroco estaban reservadas á monarquía ou a figuras de enorme poder político, como os validos. Estes cadros formaban parte do aparato da propaganda da monarquía hispánica nas colonias, e reproducían os modos, protocolos e formas de representación dos propios reis en Europa.