Unha muller e sete homes aspiran a dirixir o CDG

Perfís moi diversos e algúns que xa se presentaran na convocatoria de 2015

A Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic)ven de facer pública a resolución pola que se comunica a lista de persoas admitidas no proceso de selección que conduce a cubrir o posto vacante de dirección do Centro Dramático Galego. Só oito persoas, cinco menos que en 2015, se presentaron neste proceso para ocupar o posto que a saínte directora, Fefa Noia, xa deixou hai uns días e todos eles entran na lista de admitidos ao non haber ningún nome excluído. Os oito nomes, ordenados por criterio alfabético son Eva Alonso Gómez, Julio Fernández Peláez, Francisco Javier Núñez Alonso, Gonzalo Méndez Mosquera, Héctor Mera Herbello, Francisco Manuel Peleteiro Román, Julián Rodríguez Novo e Pedro Alberto Rubín Garrido. Experiencia teatral, dramatúrxica e actoral, así como traxectorias do máis diverso e un nivel de formación no que as ensinanzas culturais reguladas de Galicia comezan a aparecer iniciando o camiño de entrada nos postos de decisión das administracións culturais, son algúns dos elementos que resaltan nunha visión máis polo miúdo dos aspirantes.

Dous edís e varios titulados pola ESAD
A lista provisional de posibles ocupantes da dirección do CDG está conformada por unha muller e sete homes e os nomes que a conforman inclúen coñecidos da escena galega por varías vías así como deixan ver en moitos dos casos a formación regulada dos estudios de carácter cultural. Así vemos nos currículos dalgúns dos candidatos o paso pola Escola Superior de Arte Dramática (Esad) de Vigo ou a participación no Máster de Xestión Cultural da USC. Tamén hai casos de xestión na administración pública como é o caso de Héctor Mera. Tamén coñecido como Héitor Mera, que é concelleiro en Cangas polo BNG, localidade onde levou a área de goberno de Cultura y Normalización ata a súa dimisión o pasado mes de xaneiro. A única muller da lista, Eva Alonso Gómez, xa se presentara en 2015 ao proceso do que saíra a designación de Fefa Noia. A actriz e produtora ven da compañía Teatro do Noroeste e representa a nova xeración nunha familia de forte calado teatral xa que os seus pais son a actriz Luma Gómez e o director e dramaturgo Eduardo Alonso. Tamén se presentara en 2015 e recunca Gonzalo Méndez Mosquera, que como Mera é edil polo BNG no Concello de Culleredo e cursou o Máster en Xestión Cultural entre os anos 2009 e 2011.

Na lista destes oito aspirantes tamén hai varios con obra dramatúrxica ou de ensaio publicada. Tal é o caso de Francisco Javier Núñez Alonso, que ademais da súa experiencia como fundador de Limiar Teatro e como produtor, director teatral, dramaturgo, escenógrafo, iluminador ou actor tamén ten no seu haber académico o ser o autor do estudo xurdido da súa tese de doutoramento Metodoloxía de avaliación de eventos culturais publicado pola propia Agadic en 2018 e do que xurdiu a metodoloxía que hoxe se aplica nos estudos de impacto de festivais de música por encargo da propia Agadic para Fest Galicia. Tanto Julio Férnandez como Julián Rodríguez teñen obra dramática ou literaria publicada e son titulados en Dirección e Dramaturxia pola ESAD, centro no que tamén está titulado en Arte Dramático Francisco Peleteiro que ademais da súa traxectoria como autor tamén é dramaturgo e exerceu outras facetas de actividade escénica. Pedro Rubín, psicólogo titulado pola UOC di de si mesmo na súa páxina que posúe "formación multidisciplinar como psicólogo, humanista e director de escena", faceta esta última que o levou a traballar en proxectos tanto en Portugal, España, Argentina, Venezuela e Uruguay.

Seguindo o procedemento publicado nas bases da convocatoria para coordinador/a do Departamento de Produción Teatral da Agadic, do Centro Dramático Galego (CDG) compre que unha vez que esta lista sexa definitiva unha Comisión de Valoración nomeada por resolución da dirección da Agadic comece a levar a cabo as tarefas de valoración de méritos puntuando segundo os criterios establecidos nesas bases e en dúas fases. Na primeira, a Comisión de Valoración puntuará os méritos alegados polas persoas candidatas, mentres que na segunda fase valorarase o plan de actuación contido no proxecto. As persoas candidatas que acaden, unha vez sumadas as puntuacións das dúas fases anteriores, as tres mellores puntuacións, serán convocadas pola Comisión a unha entrevista que versará sobre a exposición e defensa do seu proxecto, da puntuación obtida nesa entrevista sairá o nome elixido para coordinar o departamento de Produción Teatral, do Centro Dramático Galego (CDG) dentro da Agadic.