Xulio Lorenzo asina un segundo traballo cheo de ilusión en 'Volver soñar'

O gaiteiro e compositor de Mos volve ao estudio con dez temas propios

Dous anos despois do seu primeiro traballo discográfico Cantos da ialma (Autoeditado, 2017) Xulio Lorenzo volveu pasar polo estudio cunha ducia de temas e moita ilusión representada neste novo disco Volver soñar. De novo a composición propia domina o repertorio, o gaiteiro asina dez dos temas do álbum, contando ademais cun tema tradicional e outro de Diego Bea Besada, que ademais participa nos arranxos do resto das cancións e actúa neste caso como produtor musical deixando sitio tamén para achegas eléctricas na composición sonora. Segundo Lorenzo neste novo traballo "viaxaremos aos soños da infancia, soños de ilusións" e nel atoparemos temas alegres e cheos de vida "cada un deles coa súa especial historia". No disco podemos atopar temas dedicados á súa Terra de Mos natal como Terra d´Mos, Mar d´Arousa, Filla da Roseira ou Pasacorredoiras da Torroeira e outros cque nos levan a viaxes xeográficos e temporais como Senhora do Almortâo, no que Lorenzo pon música sobre un dos temas máis emblemáticos da cultura popular da Beira Baixa de Portugal coa colaboración das voces dos pandereteiros Diego Calviño, Iván Blanco e Diego Cabaleiro; a Xota de Caroi, unha peza tradicional con connotacións sefardís. Volver Soñar gravouse nos Estudios Metrópolis de Vigo contando con Fran Álvarez como técnico e para a mestura. Na súa gravación ademais colaboraron de xeito especial nalgún dos temas as Pandereteiras Arume de Guizán ou Belém Tajes. A primeira presentación sobre escenario tivo ligar o pasado 28 de setembro, co gallo do XXV aniversario d´A Cividade de Louredo.



Ligazóns